As dúas intervencións teñen un orzamento de 85.000 euros -O conselleiro dá por rematados os problemas da calor en aulas do colexio -As obras no instituto acometeranse en Semana Santa ou ao finalizar o curso.
Estas obras acometeranse en colaboración co concello e súmanse aos 18.000 euros investidos meses atrás na instalación de toldos para favorecer o illamento térmico en aulas de Infantil ou a plantación de árbores realizada polo Concello para conseguir máis áreas de sombra. O conselleiro, quen indicou que o proxecto da nova cuberta acometerase canto antes, deu por rematados así os problemas da elevada calor nalgunhas aulas nos meses máis cálidos do ano.
Rodríguez chegou puntual ás 11.00 horas ao Golmar acompañado do alcalde, José Crespo, e do delegado territorial de Educación, César Pérez Ares. Ante a directora do colexio, María Jesús Payo, e a edil de Cultura, María Álvarez, anunciou ademais a contratación por 40.000 euros dun proxecto para atender tarefas de mantemento no instituto Laxeiro. Consisten en reparacións estruturais de elementos deteriorados polo paso do tempo ou humidades. Estas tarefas, que prevén adxudicarse en próximos días, acometeranse durante Semana Santa se é posible e se non ao termo do curso. O titular de Educación avanzou ademais que o alumnado do ciclo de Automoción disporá dun vehículo despiezado -froito da colaboración da consellería con PSA Peugeot Citroën- para que o alumnado poida realizar prácticas.
Román Rodríguez quixo coñecer de primeira man as demandas dos centros e visitou durante a mañá, ademais dos dous citados, o instituto Ramón Aller, o centro Plurilingüe Sacro Corazón, Manuel Rivero, Vicente Arias (Vilatuxe), Joaquín Loriga (Prado), Varela Buxán (Cercio) e a unitaria de Donramiro. "Interésanos ver como está Lalín como exemplo do que é o ensino en Galicia, pois temos centros rurais, institutos, unha escola unitaria, bacharelato de adultos, de idiomas ou un centro universitario da UNED". Rodríguez pediu aos centros "que se sumasen aos programas de mellora da calidade educativa: os proxectos Abalar, o de pluriligüismo e aos de mellora de lectura de bibliotecas". Dixo que estas apostas son claves para o futuro dos estudantes e remarcou que en Lalín existen cursan estudos 2.628 alumnos na etapa preuniversitaria, ademais doutro medio milleiro de inscritos no bacharelato de adultos ou na Escola Oficial de Idiomas (EOI). Dos dous institutos destacou as boas dotacións de material tecnolóxico. Ambos os institutos contan con 6 aulas do programa Abalar en cada caso e 300 computadores, ademais de tecnoloxía aplicada ao ensino diario nas aulas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario