O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria, Román Rodríguez, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para expor
as liñas estratéxicas do departamento que dirixe no que queda de lexislatura, un
itinerario no que se reforza tanto o esforzo investidor como os aspectos
cualitativos para dar un novo pulo ao modelo educativo, para o que comprometeu
un investimento de máis de 18,4 millóns de euros para a ampliación e dotación
de equipamento aos centros de ensino.
Para a mellora de infraestruturas educativas a Consellería
xestionará preto de 18,4 millóns de euros dos que máis de 6,1 destinaranse a
obras de ampliación e mellora dos centros e dos seus equipamentos, e outro
millón de euros irá dirixido á adquisición de equipamentos de alto valor
tecnolóxico para o seu uso nas ensinanzas de Formación Profesional.
Os restantes 11,2 millóns de euros serán xestionados pola
Consellería e a AMTEGA para incorporar ás aulas públicas de 5º e 6º de Primaria
e da ESO equipamento informático renovado (encerados dixitais, proxector...)
así como acceso á Internet. A nova actuación, de dixitalización do 100% das
aulas públicas nestas etapas, ten que como obxectivo facer desaparecer a fenda
dixital nos centros educativos. Ademais, dáse continuidade á estratexia de
implantación das TIC no sistema educativo iniciada en 2010 co Proxecto Abalar e
continuada en 2014 co programa de libro dixital E-Dixgal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario