mércores, 25 de marzo de 2015

Universidades pechadas e rúas cheas contra o decreto 3+2

Facultades pechadas e baleiras, e mobilizacións nutridas e animadas no #24M convocado por organizacións sindicais e estudantíns como xornada de greve en defensa do ensino público.

Facultades pechadas e baleiras nos campus das universidades de Compostela, Vigo, A Coruña. Unha imaxe do amplo seguimento que, apontan xa fontes de sindicatos e organziacións, está a ter a greve convocada contra o decreto 3+2 e en defensa do ensino público. Ao tempo, milleiros de persoas saían ás rúas nas cidades galegas para se manifestar contra as políticas que conducen cara á privatización e mercatntilización do ensino público. En Vigo, Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra, as manifestacións exixiron a derrogación do decreto do 3+2 e apostaron nun modelo de ensino público e de calidade.
Non foron só mobilizacións estudiantís, senón que a xornada de greve estaba apoiada por toda a comunidade universitaria: profesores e persoal de servizos, e tamén por cidadáns que querían denunciar as políticas contrarias a un ensino público.

"Letal"
Apenas un mes despois da greve estudantil que tivo lugar o 26 de febreiro, o conxunto da comunidade universitaria secundou unha xornada de paro contra o denominado 'decreto 3+2'. Desta volta, o conxunto da comunidade educativa chama á folga.
"É unha medida letal para a universidade", sinalou de maneira taxativa o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, na comparecencia de imprensa en que foi anunciada a data da convocatoria. Organizacións sindicais, profesorado e estudantes coinciden en sinalar os prexuízos desta mudanza lexislativa pola que as titulacións académicas poderán pasar de catro a tres anos de grao e de un a dous os mestrados.
A medida foi aprobada após seis anos da implantación do Plan Boloña --a adaptación do ensino superior ao Espazo europeo-- mediante o que se extinguiron as licenciaturas e diplomaturas en aras de titulacións únicas de 4 anos que virían a se completar co estudo de posgraos ou mestrados, quer oficiais, quer privados.
Pagar máis pola mesma formación
Desde os distintos axentes universitarios advirten das consecuencias que terá o novo marco regulador que, denuncian, pretende "afondar na privatización do ensino, desmantelar o sistema público e limitar o acceso ao ensino superior", sinalou Louzao. As críticas radican no encarecemento do custo dos estudos en boa medida polo prezo máis elevado que posúen as taxas dos mestrados e por se tratar estes dun nicho de negocio para a empresa privada.

Perseguen, apuntan as organizacións convocantes da greve, "limitar o acceso ás clases populares" á universidade através da "súa mercantilización e privatización".
O profesorado advirte que o decreto suporá a perda dun "25% da formación" para o estudantado
Mais non só. As consecuencias irán para alén do encarecemento do ensino, advirtía a profesora da USC, Alba Nogueira, na reportaxe publicada no mes de febreiro no semanario en papel do Sermos Galiza. Neste senso, Nogueira sinala a perda dun "25% da súa formación por parte do estudantado" ao se reduciren un ano os títulos de Grao, o que aboca o estudantado a cursar mestrados para "adquirir o mesmo nivel de formación" que aquelas persoas que estudasen de acordo con plans anteriores.
O 'decreto 3+2' implantarase, aliás, nun difícil momento para a universidade pública que nos últimos 5 anos perdeu 86 millóns de euros de orzamento como resultado da política de recortes desenvolvida pola Xunta de Galiza. Unha tesoira que pasou tamén polo cadro de persoal, reducido en 350 persoas para alén das máis dun milleiro que foron expulsas dos programas de investigación. No concreto 1.287 investigador@s.
Para alén das organizacións sindicais (CIG, CCOO, UGT e CSIF) tamén as organizacións estudantís Comités, Liga, AGIR, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes apoiaron a convocatoria coa que ,din, defenden, "unha universidade pública e de calidade".

Ningún comentario:

Publicar un comentario