Este profesor de secundaria gañou a batalla xudicial á Consellaría de Educación. "Sabemos que nos quitaron de diante porque cuestionamos as cousas", di.
Alfonso Malvido sente que o fallo xudicial coñecido esta segunda feira polo que se declara ilegal o seu cesamento e inhabilitación, lle quita "a etiqueta de delincuente" posta pola Consellaría de Educación.Como valoras a sentenza?
É unha alegría que máis dun ano despois se faga xustiza coa miña persoa. Sentinme atropelado e degradado como profesional. Tamén polas miñas compañeiras e compañeiros que traballaban cóbado con cóbado comigo para mellorar as condicións do centro. Así mesmo, ledicia polas familias que confiaban en nós.
Que se recolle nesa sentenza?
Recoñece a miña situación de indefensión porque non se tomou en consideración a proba testemuñal da xefa de estudos, quen estaba presente aquela mañá do luns 16 de setembro e era unha parte importante do proceso xudicial. Porén, a Consellaría de Educación só tivo en conta o informe técnico elaborado polo inspector.
"Propuxen ao claustro adiar as aular mais nunca pensamos que se fose desencadear algo tan violento como o cesamento do director"Que foi o que aconteceu e por que decidiches adiar un día o inicio do curso, razón pola que fuches inhabilitado?
O primeiro día de setembro estaba aberto o prazo de vacantes. Comezamos a comentar co inspector a nosa preocupación porque faltaba un profesor. Un PCPI que non sabiamos se nos ían mandar mais que era fundamental para distribuír as horas o que condicionaba o funcionamento do centro. Fixen todos os trámites precisos desde o comezo --documentación que achegamos ao xuízo. Ao longo desas semanas non nos confirmaron nada e a última hora da sexta feira 13 de setembro marchamos cuns horarios provisionais. Na segunda feira a primeira hora tiñamos convocado un claustro, non tiñamos nada en firme. Chamei antes do claustro ao inspector e, nese momento, decateime de que era unha encerrona. Administrativamente sentinme só. Propuxen ao claustro adiar as aular mais nunca pensamos que se fose desencadear algo tan violento como o cesamento do director. Dixeron que me excedera nas miñas funcións mais como xestor do centro o que sentín foi abandono.
Como se che comunica o teu cesamento e inhabilitación?
Veu un coche oficial da Consellaría de Educación con dous señores vestidos de escuro. Moi amábeis, iso si, mais era esperpéntico. Nós nunca sentimos que estiveramos a desobedecer. Sabemos que nos quitaron de diante porque cuestionamos as cousas que se fan e que inflúen negativamente na aprendizaxe do alumnado. O que quixeron foi enviar unha advertencia aos demais. 'Quen se mova, ollo, porque lle acontecerá o mesmo que a Malvido'.
E a partir de agora?
Teremos que mirar, xunto co avogado da CIG, se podo incorporarme como director pois a miña lexislatura remata este mes de xullo. Incorporarme á dirección serviría para resarcir a miña dignidade. Para alén de que a sentenza érgueme a inhabilitación durante 3 anos consecutivos e que me impedía exercer función directiva en ningún centro. Iso é moi forte. Mais non lles teño medo, non llelo tiven nunca. Non sei que farei a partir de agora, eu tamén mudei moito con todo isto. Alédame, iso si, que a sentenza me quite a etiquetaxe de delincuente.
"Sabemos que nos quitaron de diante porque cuestionamos as cousas que se fan e que inflúen negativamente na aprendizaxe do alumnado"Que foi do xefe territorial?
Segue no seu cargo e seguirá. Pensas que vai demitir? Sábense poderosos e abusan. Xogan co medo. A xente que está por riba dos directores úsanos como executores da súa política. Como saco de golpes.
Coidas que o teu foi un castigo disciplinario?
Si. Non están acostumados a que unha equipa directiva estea tan en sintonía cos pais e nais. E nós estamos no mesmo barco. Eles non. Só quería que non recortasen máis profesorado e que o alumnado teña os seus programas e o que necesitan.
E aquela praza, chegouse a cubrir?
Si, esa terza feira á mañá presentouse un grande compañeiro, fixéronse os horarios e comezamos a traballar. Mais para min tamén comezou o meu calvario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario