A experiencia
levada a cabo polo CESGA e a USC para acadar concertos a distancia
cun mínimo de latencia vén de ser
reflectida en detalle pola Plataforma SINC, medio de comunicación
referente (a nivel estatal e internacional) en materia de divulgación
científica e tecnolóxica. A plataforma lembra que os traballos
conxuntos do Centro de Supercomputación de Galicia e a Universidade
de Santiago dirixíronse a facer posíbel a antiga
arela de músicos de todo o mundo de poder tocar xuntos malia as
longas distancias que os puidesen separar. Até o de agora, os
principais atrancos eran a latencia e o retardo. Os experimentos de
demostración en vivo con tecnoloxías musicais pioneiras, amais de
apoio e entrega de músicos profesionais, fixeron realidade o devezo.
Segundo se apunta, estamos ante unha iniciativa pioneira a nivel
estatal.
Botouse man, en primeiro
lugar, da tecnoloxía LOLA (LOw LAtency), desenvolvida polo
Conservatorio Giuseppe
Tartini de Trieste en consorcio con GARR (a rede italiana de
investigación) e trátase dun software e de unha especificación
hardware que se emprega para a transmisión de audio e vídeo de alta
definición minimizando a latencia entre os dous extremos dunha
conexión en liña.
Pola súa banda, lembra
SINC, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o equipo de
Canle Campus da Universidade de Santiago de Compostela (dirixido polo
profesor Xaime Fandiño) tiraron proveito de LOLA para levar a cabo
experimentos no camiño de lograr que músicos separados por
milleiros de quilómetros puideran ensaiar un concerto cun mínimo de
latencia (é dicir, que a actuación musical fose sincrónica sen
importar os quilómetros que afasten aos artistas).
Como lembramos daquela, o
músico e compositor galego Pablo Novoa foi o encargado de
interpretar desde Cáceres, xunto ao violinista italiano Sebastiano
Frattini (que estaba a 2.700 quilómetros en Trieste, Italia), dous
temas musicais moi coñecidos: Sunny de Bobby Hebb, tema
popular en anos 60, e Get lucky, canción do grupo francés
Daft Punk.
Segundo explica Natalia
Costas, técnico superior de telecomunicacións do CESGA e
responsábel do experimento, “no noso proxecto emítese tamén
vídeo, polo que existen requisitos adicionais en todos os elementos
da cadea: o ancho de banda, a fiabilidade e a latencia na
comunicación do sinal de vídeo; así como a capacidade de procesado
dos servidores, sistemas de captación de imaxe e proxección,
cableado, etc”. O obxectivo destas experiencias, engade Costas á
plataforma de divulgación, é que se acheguen á percepción que
temos de tempo real e que sexan o máis síncronas posíbeis entre
ambos os fluxos, audio e vídeo. O proxecto é pioneiro en España,
apunta SINC, “e tan só existen outras probas anteriores en redes
de investigación europea e americanas”.
Polo que respecta a Nova,
comenta o seguinte: “Cando me propuxeron participar nesta
experiencia aceptei encantado, son licenciado en Químicas e foi unha
forma de unir as dúas caras da miña vocación”. E engade:
“Conseguir gravar ou tocar a distancia abre un campo enorme para a
colaboración entre músicos e para dar clases sen ter que
desprazarse, ademais todo avance para diminuír a latencia é moi
beneficioso para mellorar as gravacións musicais e audiovisuais”.
Segundo apunta Costas a
respecto do potencial da tecnoloxía, “esta pódese aproveitar
directamente na docencia musical, as performances e ensaios a
distancia, ou as videoconferencias high end, permitindo
en última instancia reducir os desprazamentos e, por tanto,
os custos”. Asemade, indica, poden pensarse aplicacións noutros
eidos, como a telemedicina (medicina a distancia), “nos que a
comunicación audiovisual con mínima latencia é importante”.
No que atinxe ao nivel de
latencia que achegan outras tecnoloxías, a investigadora apunta a
que hai que xente arestora que dá clases musicais por Skype, pero
aceptando sempre un nivel de retardo que, por outra banda, non impide
intercambiar música. Conclusión: podemos intercambiar música, si,
pero aínda estamos lonxe de tocar a distancia agás a un nivel
experimental.
Ningún comentario:
Publicar un comentario