mércores, 11 de marzo de 2015

O PP aclara que non dá marcha atrás na súa política lingüística "nin para coller impulso"

"Non permitiremos que se derrogue un decreto que permite que o 62% dos centros teñan sección bilingüe e que o 18% sexan plurilingües. Para atrás non iremos nin para coller impulso". Con esta rotundidade, a deputada do PP no Parlamento, Marisol Piñeiro, quixo deixar claro que o seu partido, e xa que logo a Xunta, non recuará na súa política lingüística. Non fará caso nin das peticións da oposición nin tan sequera das da Real Academia Galega (RAG), cuxa chamada ao cumprimento do Plan de Normalización e á derrogación do devandito decreto xa fora rexeitada polo Goberno galego.
"Non permitiremos que se derrogue o decreto; para atrás non iremos nin para coller impulso", di o PP no Parlamento
Neste martes, o PP e o Executivo deixaron claras as súas intencións. Primeiro no debate para a toma en consideración da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) defendida pola CIG-Ensino e avalada por case 23.000 sinaturas para a restitución dos dereitos laborais e salariais do profesorado. Os populares rexeitaron unha tramitación, que si foi apoiada por todos os grupos da oposición, por considerar que era unha "emenda á totalidade" á política educativa da Xunta, da que presumiron os populares, e que tería sido avalada polos votantes que deron a vitoria á dereita nas dúas últimas eleccións autonómicas.
Tamén o novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, deixou clara a postura da Xunta. Na súa intervención para dar conta do seu programa de goberno, avogou pola necesidade de recuperar o consenso político en materia de normalización lingüístico, pero sempre no que ten que ver no "avance no uso social da lingua", xa que, segundo dixo, "o seu coñecemento está garantido no ensino". "Apartemos a cuestión do idioma da confrontación; parece de sentidiño", asegurou.
O novo conselleiro de Educación di querer pular polo "avance no uso social" da lingua, pero asegura que o seu coñecemento "está garantido no ensino"
"A lingua non é patrimonio de ningún partido, é de todos", insistiu Rodríguez, que avanzou en iniciativas a prol do idioma, como un plan para mellorar o seu uso o plano social e económico. Pero nada de derrogar o decreto nin mudar a política lingüística no ensino, onde si anunciou o investimento de 18,4 millóns para que as aulas de 5º e 6º de Primaria, e máis as de ESO, estean "completamente dixitalizadas".
A oposición, como antes fixera no debate da ILP da CIG-Ensino, recordoulle a situación de discriminación que sofre o galego e a perda masiva de falantes que, sobre todo entre a mocidade, se está a dar nos últimos anos. "Nin unha raiola" dixo albiscar Cosme Pombo, deputado do BNG, ao respecto dunha hipotética viraxe nas intencións sobre a lingua.
Tampouco a albiscou Anxo Louza, secretario nacional da CIG-Ensino, encargado de defender a ILP nunha intervención na que denunciou os “numerosos e incesantes ataques” sufridos polo ensino público galego e no que acusou o PP de ter imposto modelo “clasista, segregador, mercantilista e españolizador” que “persegue e despreza o ensino en galego, recorta os dereitos laborais e salariais do profesorado, desprestixia o seu traballo, limita o dereito á educación e elimina a igualdade de oportunidades”.
Louzao acusou o PP de impoñer un modelo educativo "clasista, segregador, mercantilista e españolizador"
Louzao fixo un repaso das que, na súa opinión, foron políticas educativas que empregaron Galicia “como laboratorio experimental da política máis reaccionaria e antigalega do PP”. Así, advertiu dunha perda de profesorado “devastadora”, coa supresión de máis de 3.000 postos docentes, a perda de poder adquisitivo, as consecuencias do modelo "neoliberal" que supón a Lomce, a supresión de Preescolar na Casa ou a "verdadeira ameaza para o futuro da nosa lingua” que supón o decreto do plurilingüismo.
Por iso, reclamou a toma en consideración dunha ILP que propón un Estatuto Galego da Función Docente; o reestabelecemento dos salarios e das pagas extras; a suba dos salarios como mínimo igual ao IPC; a percepción do 100% en situación de IT e a supresión das taxas de reposición. "Xunto un modelo de xestión democrática dos centros educativos que pasa por elixir de forma directa as direccións", aclarou.
O PP contrapóno seu modelo educativo "solidario, equitativo e real" á "propaganda electoral" que propón a CIG
Pero a resposta do PP foi negativa. A deputada Marisol Piñeiro presumiu dun modelo educativo da Xunta "solidario, inclusivo, equitativo, innovador e adaptado ao tempo e circunstancias", un "modelo real" que contrapuxo á proposta da CIG, que definiu como "programa electoral". Todos os grupos da oposición apoiaron a toma en consideración da ILP, botada abaixo polos conservadores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario