A Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) reclamou que se suprima o galego como criterio de baremación á hora de obter subvencións públicas para cursos dirixidos a formar persoas no paro.‘’É un absoluto desprezo, xa non só polo galego, senón por Galiza’’, din desde a Mesa pola Normalización Lingüística.
A patronal galega non gosta de que o galego sexa un dos baremos que se piden desde a administración galegas para poder acceder a subvencións para cursos destinados á formación de persoas desempregadas. Afirma que iso, o de garantir que o galego poida ser utilizado para impartir estes cursos, implicaría o risco de perder calidade e eficiencia na prestación formativa, segundo recolle ‘La Opinión de A Coruña’. Por iso solicita que se suprima toda referencia ao idioma propio de Galiza como baremo.A petición da CEG é para Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, un triste exemplo máis da pervivencia de “prexuízos continuados” a respecto do galego entre a patronal, “que non beneficia xa non o galego, senón a Galiza”. Maceira lamenta que a CEG manteña un ‘complexo’’ sobre o idioma e advirte que mesmo lle pode xerar inconvenientes a eles propios, pois o consumidor pode ver nos seus produtos eses prexuízos deses empresarios sobre o idioma.
Maceira sinala que eses cursos autonómicos de formación impártense en Galiza e que a poboación non ten dificultades para entender o galego. Se considera que é así, aconsella o presidente da MNL á CEG, pode dirixirse á Xunta para que repoña o profesorado Celga -galego para adultos- que despediu. Por último, remarca o paradoxal de que a CEG cargue contra o galego nos cursos de formación e porén si que “que collen esas axudas que se lles dan para, teoricamente, promocionar o galego”.
A patronal ficou soa no Consello Galego de Relacións Laborais na súa proposta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario