A Real Academia Galega e a Fundación Barrié publican a obra completa con todo o seu epistolario do autor rianxeiro.
Manoel Antonio, un dos poetas galegos máis egrexios de comezos do pasado século, volve a estar de actualdiade. A Real Academia Galega e a Fundación Barrié presentaron o último volume das obras completas deste poeta, que recolle, ademais, o seu epistolario.
Dentro da colección "Clásicos da Academia", o novo
volume pon en mans dos estudiosos e lectores en xeral "unha edición
guiada pola máxima atención á vontade orixinal do poeta", sinalan os
promotores da iniciativa nun comunicado.
No primeiro volume sobre o poeta rianxeiro publicáronse os seus inéditos en prosa, "descubrindo un Manoel Antonio cultivador do relato breve e o ensaio"
e, neste, duplícase o número da correspondencia xa publicada, ademais
de corrixir erros importantes, de maneira que se permite "iluminar
aspectos das vidas do poeta apenas albiscados e seguir a construción da
súa extraordinaria personalidade artística e intelectual".
Parte do novo material publicado atopábase en posesión de Domingo García Sabell e foi adquirido pola Fundación Barrié, segundo apunta o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, que cualifica a Manuel Antonio coma "un dos poetas máis importantes do século XX en Galicia".
"Tivo un afán vangardista moi grande, e desde un punto
de vista distinto á fidalguía e o ámbito urbano, máis próximo ao campo e
os mariñeiros, como apunta o feito de que moitas das cartas están
escritas en barcos, o que achega unha visión moi distinta e orixinal",
sinalou en declaracións a EFE recollidas por varios medios.
Manoel Antonio morreu moi novo e só publicou en vida un libro,
polo que era un autor de difícil acceso. Por iso, Monteagudo valorou a
publicación deste tipo de volumes, xa que considera que existe un "certo
baleiro" de literatura memorialística, libros de memorias, ou destoutra
literatura epistolar, que permita o acceso á perspectiva destas
persoas, das súas vidas e as súas circunstancias, algo que "na
literatura galega hai bastante pouco", insistiu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario