A Mesa lembra que os puntos centrais do decreto xa foran anulados polo TSXG e o que TS ratifica a súa ilegalidade
Marcos Maceira: “O decreto do uso do galego no ensino de 2007
foi declarado plenamente legal polo Supremo, igual que modelos como a
inmersión lingüística en Cataluña. Porén, Feixó escolle a opción máis
regresiva para o galego”
“promover o galego é unha decisión política que debe tomar o
goberno galego co presidente Feixó á cabeza, non agochar os seus ataques
á lingua propia detrás dunha sentenza”
Santiago de Compostela, 27-03-2015.-
A Mesa pola Normalización Lingüística fixo hoxe unha primeira
valoración da sentenza do Tribunal Supremo a respecto do Decreto 79/2010
contra o galego, tras o recurso presentado pola Real Academia Galega. A
Mesa lembrou que o decretazo contra o galego xa fora anulado nos seus
puntos centrais tras os recursos presentados no TSXG, entre outras, pola
plataforma cidadá Queremos Galego ou a propia Mesa pola Normalización
Lingüística, e que a sentenza do TS vén de ratificar tras o recurso da
Real Academia Galega. Estes puntos centrais, nos que Feixó baseou a
derrogación do decreto do 2007, eran a posibilidade de os pais elixiren a
lingua nas aulas e a non obrigatoriedade para o alumnado.
Para A Mesa os resultados deste decreto están á vista: o maior
descoñecemento e falta de uso do galego de toda a súa historia, e a
práctica desaparición da lingua galega en etapas como a educación
infantil, como demostrou o estudo da Mesa nas cidades ou o máis recente
do IGE. Esta situación de desigualdade é recoñecida polo TS na sentenza.
A Mesa lembra como xa no 2009 o TS validou integramente o decreto
124/2007 sen que iso impedise a súa derrogación posterior, de xeito
unilateral e coa oposición do conxunto da comunidade educativa,
organismos consultivos, e entidades sociais de todo tipo, moitas delas
agrupadas na plataforma Queremos Galego, e que tivo como mostra unha
folga no ensino cun seguimento practicamente unánime e as maiores
mobilizacións sociais da historia de Galiza.
Ademais, sinalan desde a entidade en defensa do galego, existen
outros precedentes xurídicos, onde o TS avala modelos radicalmente
opostos ao do PP en Galiza, como o da inmersión lingüística en Cataluña,
nunha sentenza de 2013.
Para Maceira estes precendentes demostran que “o goberno galego ten
dúas opcións, a de regresar aos acordos tomados de xeito amplo, coa
participación de organizacións sociais, sindicais, políticas, culturais,
reflectidos no PXNLG, e tamén validados polo Supremo, ou agocharse
detrás do TS para manter unha política unilateral e destrutiva coa
lingua”, sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, que engadíu que
“promover o galego nun ámbito central e básico para a normalización de
calquera lingua, como o do ensino, é unha decisión política, e por
tanto, a decisión está na man do goberno de Feixó que debe escoller
entre regresar ao acordo, ou manterse só nos ataques á nosa lingua”.
O presidente da Mesa indicou que A Mesa continuará a actuar para
conseguir que o goberno de Feixó rectifique e cumpra cos acordos
subscritos e aprobados por unanimidade como o Plan Xeral de
Normalización da Lingua Galega de 2004, ou a Carta Europea das Linguas
Rexionais ou Minorizadas. “A lingua galega une e cohesiona o pobo
galego, o Partido Popular é o único que se autoexclúe da defensa do noso
máis prezado sinal de identidade e de progreso que é a lingua”.
Maceira anunciou que A Mesa manterá as denuncias internacionais
contra a política de discriminación e exclusión do galego polo seu
propio goberno, tanto en organismos europeos como nas Nacións Unidas ou a
UNESCO.
Ningún comentario:
Publicar un comentario