Despois da multitudinaria manifestación do 8 de febreiro convocada por Queremos Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística diríxelle unha carta a Feijóo para solicitarlle unha xuntanza na que lle presentar seis medidas urxentes para darlle a volta á situación do galego.
Case un mes despois de máis de vintecinco mil persoas se manifestar en Compostela na defensa da lingua co lema “Polas fillas dos nosos fillos”, a Mesa pola Normalización Lingüística diríxese ao presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, para lle solicitar unha xuntanza na que lle expor seis medidas que contribuirían, segundo din na misiva á que tivo acceso Sermos Galiza, “a mellorar a situación de retroceso da nosa lingua, de seren aplicadas de xeito urxente e inmediato”. As medidas, sinalan, están xa contempladas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado hai dez anos e teñen en común "seren de sinxela aplicación e só precisaren vontade política para executalas”.Para chegar ao XXII
“As que propomos non son todas as medidas que o noso idioma precisa, mais si, de entre elas, as que a administración galega pode pór en funcionamento con máis urxencia”, explica a carta asinada polo presidente da Mesa, Marcos Maceira e datada o 4 de marzo na que advirte que tamén se advirte que só é preciso convencemento do goberno para comezar, “despois de décadas de inacción, a viraxe que a lingua galega precisa para chegar con saúde ao século XXII, a mellor garantía de que o pobo galego no seu conxunto tamén o fai”.
O presidente da Mesa ten previsto comparecer esta quinta feira perante a imprensa para apresentar as medidas que a entidade quer trasladar ao titular da Xunta nun encontro que, de se realizar, non tería precedentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario