venres, 27 de marzo de 2015

Intolerábel agresión á nosa lingua na Virxe da Barca en Muxía.

A Mesa pola Normalización Lingüística solicita a rehabilitación da lingua galega no Santuario da Barca
Marcos Maceira: “As obras de rehabilitación do Santuario da Virxe da Barca non só non contemplaron a rehabilitación da lingua galega senón que engadiron unha agresión máis á nosa lingua”
Fotografía tirada do xornal dixital www.quepasanacosta.com
Santiago, 26/03/15. As obras de rehabilitación e reparación do Santuario da Virxe da Barca de Muxía excluíron a presenza do galego engadindo unha sinalización na pedra onde se pode ler “Nuestra Sra de la Barca”.
Segundo A Mesa pola Normalización Lingüística isto constitúe unha agresión con toda a intención por parte dunha igrexa católica que non é capaz de mostrar ningún respecto pola lingua galega e mantense no desprezo histórico que mostrou a súa xerarquía.
“Paradoxicamente a primeira en desprezar este lugar de culto e romaxe galego é a igrexa católica deturpando o nome galego e tradicional”, que lembrou, segundo a legalidade, é o único válido e recoñecido. “Lamentábelmente non é un acontecemento illado e resulta habitual tanto na cantidade de veces que se reproduce noutros lugares, como na traxectoria histórica da institución relixiosa”.
A Mesa lembra que entre as medidas urxentes que propuxo recentemente para o galego, se atopa a de que as axudas e subvencións, nomeadamente as que recibe a Igrexa Católica, se condicionen ao uso do galego. A Mesa dirixiuse ao presidente Feixó solicitándolle unha reunión coa fin de que coñeza directamente estas medidas e as impulse, mais aínda sen resultado.
Da Mesa lembraron que a igrexa católica recibe grandes cantidades de diñeiro público para o manutención de espazos patrimoniais. “Non se pode concibir como unha institución que ten ao seu cargo o coidado de grande parte do patrimonio artístico galego, mostre tal desprezo pola lingua propia do país, o seu principal patrimonio colectivo, e mesmo pola legalidade”, sinalou Maceira.
A entidade en defensa da lingua, anunciou que será ela ante a pasividade da administración pública, quen se dirixa á igrexa católica para que se repoña e rehabilite a lingua galega no coñecido santuario muxían da Virxe da Barca, único nome lexítimo, legal e polo que é coñecido.

Arquivos anexos a descargar:

Ningún comentario:

Publicar un comentario