A Mesa pola Normalización Lingüística presenta seis medidas “urxentes, rápidas e eficaces” para reverter o proceso de substitución do galego. Faille a proposta ao conxunto da sociedade e agarda resposta do Presidente da Xunta.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), Marcos Maceira presentou esta quinta feira un conxunto de seis propostas para reverter o proceso de substitución lingüística. A Mesa propón as medidas de actuación ao conxunto da sociedade galega, “como protagonista que ten que ser do proceso de recuperación galego” e, de maneira especial ás organizacións sociais, sindicais e políticas. As medidas serán presentadas tamén ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo como responsábel máximo da política lingüística se finalmente pon data á xuntanza que a Mesa vén de solicitarlle.
O punto de partida da Mesa á hora de elaborar a batería de medidas urxentes está na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas e no Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado hai dez anos por unanimidade no Parlamento con máis de 445 propostas concretas das que se tiran as seis que se poden comezar a aplicar “de xeito inmediato, e máis cando todos os estudos demostran que é urxente facelo. Onde está o problema para non cumprir co acordado? A nosa man está tendida para facelo”, sinalou Marcos Maceira que destacou a sinxeleza e facilidade de facer efectivas as medidas propostas “que se poden iniciar mañá mesmo e que só poden ter un efecto positivo sobre o conxunto do pobo galego”.
Da CRTVG á administración
As seis iniciativas propostas esixen a recuperación do papel normalizador da CRTVG, un “plan de choque” para o galego no ensino, accións concretas no uso do galego nas administracións públicas, acordos para a recepción mutua do sinal da Radio Televisión Portuguesa e a TVG e condicionar as axudas públicas ao uso do galego.
Malia dirixiren a proposta ao conxunto da sociedade, desde a Mesa sosteñen que a loita pola normalización precisa do respaldo dos poderes públicos. “A Xunta, co seu Presidente á cabeza debe iniciar as accións políticas para repor e normalizar o uso do galego”, sinalou Maceira que agarda a resposta da proposta de xuntanza que lle remitiron 4 este día ao presidente da Xunta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario