A banca nas aulas
A nova materia de economía entrará no currículo con máis horas e cunha nova redacción de materiais, que xa non virán especificamente preparados por equipas docentes especializadas, mais polo Banco de España e pola Comisión Nacional do Mercado de Valores española. Se isto, por si proprio, é xa controvertido, unha ollada ao que iso significa na práctica dá para acender todos os alarmes. Primeiro porque o BdE e a CNMV aproveitan o paso para definir conceitos claramente políticos, enormemente polémicos, como a distinción entre gastos optativos (a alimentación ou a calefacción) e gastos obrigatorios e non adiábeis (os impostos, as hipotecas ou os seguros). Segundo, porque, en colaboración con entidades como o Banco Santander, claramente significadas nesta «crise», tamén se pretende introducir nas aulas administradores delegados da banca e da Facenda, de forma a favorecer unha visión máis amábel do sistema financeiro e, de pasada, do sistema político que o sustenta.Ao definir o estudantado como futuro consumidor, defínese a continuidade do modelo de consumo macizo e apóstase claramente por unha redefinición do conceito de formación, que é apenas a formación para consumir, en función de criterios de eficiencia capitalista.
Máis horas lectivas desta nova economía — sempre política, mais xa claramente politizada á volta dos principios ultraliberais — significarán menos horas de filosofía e a desaparición, na práctica, de Hegel ou Marx nos planos de estudos medios, para non falar doutras referencias filosóficas máis claramente opostas ao capitalismo, que xa tiñan ficado fóra do currículo da materia. Non cabe dúbida de que o contexto é, claramente, favorábel a esta operación. No fin das contas, estamos na época «sen ideoloxías», na que os partidos se declaran «nen de direitas nen de esquerdas» e na que un dos argumentos recorrentes das oposicións contra calquera medida é acusala de «ideolóxica», porque non se trata de gobernar, senón de xestionar. Así as cousas, a ideoloxía do capital totalízase ao se lle ocultaren todas as alternativas. E faino, ademais, desde a experiencia práctica do sistema social e político que bebe dela e a retroalimenta, no día a día, en todos os ámbitos e tamén nas escolas — a partir de agora, máis claramente.
A referencia de Wert aos «consumidores do futuro» non é por acaso. Antes ao contrario, gaña especial relevancia na secuencia da substitución da filosofía pola (súa) economía. Ao definir o estudantado como futuro consumidor, defínese a continuidade do modelo de consumo macizo e apóstase claramente por unha redefinición do conceito de liberdade, que é apenas a liberdade de consumir, e de formación, que é apenas a formación para consumir, en función de criterios de eficiencia capitalista.
A hipoteca acima de todas as cousas
A diferenciación entre despesas optativas e despesas obrigatorias define tamén unha reestruturación das prioridades, con carácter claramente disciplinario, evidentemente na secuencia dos intereses do grande capital financeiro.A diferenciación entre despesas optativas (alimento, calefacción) e despesas obrigatorias (taxas, hipotecas, etc.) define tamén unha reestruturación das prioridades, con carácter claramente disciplinario, evidentemente na secuencia dos intereses do grande capital financeiro. Xa non son máis as necesidades básicas, nen as máis rudimentares (non morrer de fame, nen de frío), senón as obrigas do sistema de crédito/débito, as que se impoñen. É, no fondo, a translación práctica daquelas declaracións de María Dolores de Cospedal, secretaria xeral do PP, nas que aseguraba que «os nosos votantes deixan de comer antes que non pagar a hipoteca».
Por outra parte, colocar acima da mesa unha situación na que o alimento pase a ser unha despesa optativa, non é outra cousa que recoñecer que a situación de «crise» — deixando á marxe calquera reflexión sobre a súa orixe — aparece como elemento constitutivo da economía, e que as exixencias que apresenta, portanto, non poden cuestionarse. Isto é o que vén por trás da última reforma educativa das oligarquías, avalada, aínda, pola longa sombra que proxecta o ministro José Ignacio Wert.
Ningún comentario:
Publicar un comentario