xoves, 26 de marzo de 2015

O galego pide xustiza

Trinta anos despois da primeira sentenza en galego a presenza da lingua propia do país no ámbito xudicial abala entre o residual e o testemuñal. Un ermo que tentan reverter iniciativas e voces que queren facer xustiza ao galego.

En marzo cumpríronse 30 anos da primeira sentenza en galego, unha resolución ditada pola Audiencia Provincial da Coruña en 1985 a raíz dun pleito no que estaba inmerso o Concello de Redondela, que foi quen solicitou que fose redactada no idioma propio de Galiza. "Causou estupefacción" lembraba hai uns días Gonzalo de la Huerga, un dos maxistrados que elaborou aquel texto. Quizás non sexa estupefacción a palabra, mais si abraio ou certo pasmo o que segue a producir hoxe en día atopar unha sentenza en galego. As resolucións escritas no noso idioma non chegan ao 5 por cento do total, o que leva a preguntar, tres décadas despois daquel auto da Audiencia da Coruña, se aquela sentenza foi un primeiro paso para inaugurar unha etapa de normalización do idioma na xustiza ou foi máis ben un feito puntual.
"A presenza do galego na xustiza é testemuñal, non só no que atinxe a sentenzas, senón tamén a calquera formulario, programa... e non só na escrita, tamén é testemuñal no oral", afirma Xesús Sánchez, secretario nacional de CIG-Xustiza. Nunha liña semenllante, Martín Ramos, do Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Compostela, recoñece que estamos perante un panorama "bastante ermo". Carlos Varela, ex-Fiscal Superior de Galiza e membro da Irmandade Xurídica Galega, ten recoñecido sen ambaxes que "a situación do galego neste eido é aínda precaria e pode acreditarse que o dereito do cidadán a recibir servizo na súa lingua de elección non esta actualmente garantido".
Motivos dun baleiro
Temos, pois, que a presenza do galego na xustiza é cativa. Embora na Lei de Normalización Lingüística (1983) e mesmo na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias, artigo 9, se garanta o dereito dos cidadáns a que o procedemento sexa en galego, isto non se cumpre. Non hai unha única razón. "A administración de xustiza non quere poñer as ferramentas para que o galego sexa un idioma normalizado nese ámbito", sostén Xesús Sánchez Costa. Para Martín Ramos, o lingüista do Colexio de Avogados da capital de Galiza "a maior barreira ao uso do galego está no propio contexto".
Un contexto no que, por exemplo, o coñecemento do galego non é un requisito para ser xuíz en Galiza. Así que ser atendido no idioma propio está condicionado pola aptitude -e actitude- d@s funcionari@s ou maxistrad@s, fiscais. Só unha trintena de xuices empregan habitualmente o galego en xuízos e sentenzas.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario