O STEG rexeita o “imposto revolucionario” que a
Consellería vén de acordar con entidades privadas de xestión de contidos
audiovisuais
Recentemente chegou aos centros educativos galegos
unha carta de ton cuase ameazante por parte da empresa “Licencia
educativa EGEDA” na que, en connivencia coa Consellería de Educación, se
ofrece “a cobertura legal necesaria” no caso de que o centro estivese
reproducindo material audiovisual sen autorización dos propietarios dos
contidos.
Isto supón, en primeiro lugar, un cambio no criterio da Administración, dado que, na circular 14/2014, xa daba instrucións e medidas a tomar para reproducir ese tipo de materiais. Dicíase nesa circular, expresamente: “os autores e editores non terán dereito a remuneración algunha pola realización destes actos”. Ademais, implicaría cargar aos centros cun gasto extra, que habería que sumar aos sucesivos anos de recortes que está a padecer o ensino público. Rexeitamos, ademais, que ese gasto vaia por riba parar a mans de empresas privadas que teñen acordos descoñecidos ata agora coa Administración pública.
No STEG defendemos que un ensino público e de calidade pasa pola utilización de todo tipo de materiais nos diferentes soportes que están a disposición, tanto do profesorado coma do alumnado. Consideramos, ademais, un despropósito que, na época en que é máis accesible para a comunidade educativa infinidade de documentación audiovisual e de ferramentas para mellorar a calidade do ensino, se pretenda restrinxir o seu acceso aos centros educativos en base a criterios estritamente economicistas e lucrativos.
Polo tanto, dende o STEG esiximos:
- Que a Consellería aclare cal é a postura a adoptar polo profesorado nos centros con respecto á reprodución de materiais audiovisuais con fins educativos.
- Que, de ser precisa unha cobertura legal ao respecto, sexa a Consellería quen a garantice, e que non desprace a responsabilidade cara aos centros educativos.
- Que a Consellería garantice o libre acceso do profesorado a tódolos recursos que se consideren necesarios para levar a cabo o seu labor nun ensino público, universal e gratuíto
Ningún comentario:
Publicar un comentario