A Xunta celebrou
esta tarde o acto de entrega de premios do certame de declaracións de amor na Rede
Lingua de namorar, convocado
polas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais de
Traballo e Benestar, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da
Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, respectivamente.
A entrega, que conduciu a escritora Yolanda Castaño,
celebrouse na Sala Eisenman coa participación do secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García; do director xeral de Xuventude e Voluntariado,
Ovidio Rodeiro; da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia,
Beatriz González-Loroño; e das seis autoras das mensaxes elixidas polo xurado
de entre as 50 máis votadas. A interpretación en directo destes seis textos
gañadores, que pódense
ler na web, correu a cargo do cantautor Manoele de Felisa.
A terceira edición do concurso Lingua de namorar, na que
participaron preto dun milleiro de mozos e mozas durante as tres semanas nas
que se desenvolveu o concurso, ben enviando mensaxes, ben como votantes,
recolleu nas súas bases dúas categorías de idade. As mensaxes gañadoras, que
deberon estar redactadas en lingua galega e non superar os 350 caracteres,
foron elixidas polo xurado do concurso de entre as 50 declaracións máis votadas
polos usuarios e usuarias en cada unha das categorías de idade.
Na categoría A, de 14 a 19 anos, gañou o primeiro premio
Marta Gómez Martín (Pontevedra), coa mensaxe “Atea”; a gañadora do segundo
premio foi Saray Díaz Canosa (Narón), pola mensaxe “Ego”; e a gañadora do
terceiro premio foi Sabela Domínguez Souto (Verín), pola mensaxe “O meu ritmo”.
Recibiron, respectivamente, unha cámara somerxible Fujifilm FinePix XP70 e mais
unha actividade de aventura para dúas persoas; unha tableta para lectura Kindle
con pantalla táctil de 6 polgadas e unha videocámara de deporte dixital
impermeable, amais dun diploma acreditativo e cadanseu lote de libros.
Na categoría B, de 20 a 35 anos, gañou o primeiro premio
Aitana Iglesias Márquez (Narón) coa mensaxe “Polos opostos”; a gañadora do
segundo premio foi Sonia Varela García (Arteixo, A Coruña) pola mensaxe
“Sentimento metereolóxico” e o terceiro premio recolleuno María José Chao
Sánchez (Ares) pola mensaxe “Así”. Recibiron, respectivamente unha tableta 4.0
de 10,1 polgadas e 32 GB e mais unha actividade de aventura para dúas
persoas; un disco duro Toshiba Canvio Basics de 2.5 polgadas (USB 3.0, 1 TB) e
unha tarxeta regalo Spotify Premium de 6 meses, amais dun diploma acreditativo
e cadanseu lote de libros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario