xoves, 5 de marzo de 2015

Educación responsabiliza aos centros da falta de profesores de apoio

director xeral nega o recorte e sostén que a Xunta concedeu os docentes "necesarios".

A Consellería de Educación nega o desmantelamento do Programa de Reforzo, Orientación e Apoio (PROA) que denuncian profesores, sindicatos e Anpas e responsabiliza aos centros educativos da planificación dos recursos destinados aos alumnos con risco de fracaso escolar. Ante a avalancha de críticas polo "recorte" na contratación de profesorado de apoio, trasladadas esta mañá en comisión informativa polo deputado do BNG Cosme Pombo, o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, asegurou que é "empeño especial" do Goberno galego o respaldo aos alumnos con dificultades e á diversidade aínda que neste curso negasen docentes de apoio a algúns centros que os solicitaron.
Corredoira negou que exista arbitrariedade da consellería na concesión destes profesores de apoio e asegurou que se mantiveron os mesmos que no curso pasado. Respecto ás peticións de novos docentes para o plan PROA denegadas por Educación e que obrigaron algúns equipos directivos a prescindir este curso do programa, trasladou a responsabilidade aos propios centros educativos destacando que son eles os que deben de "planificar os recursos", achegando os seus propios docentes ou contratando outros.
"Os contratos-programa requiren negociación porque teñen que ver coa autonomía dos centros", sinalou o representante da consellería especificando que son estes os que deben achegar os recursos materiais e humanos que teñen que ser acorados por ambas as dúas partes. "Non" se trata "da convocatoria dunha subvención", precisou Corredoira" para detallar a continuación que a consellería achegou este ano os profesores de apoio que puido "de acordo cos presupostos" deste departamento da Xunta.
Ante o reproche do deputado nacionalista polo "recorte" na "calidade educativa que lles impediu chegar a todos os centros e manter só os profesores do ano pasado, o director xeral acusou a oposición de "darlle a volta" á realidade. "Os centros teñen os profesores de apoio necesarios; non hai recortes", repetiu o director xeral asegurando que hai "unha evolución progresiva" dos medios destinados á calidade escolar que, puntualizou, "vostedes non quere recoñecer".
Corredoira negou o recorte apoiándose en datos xenéricos dos contratos-programa que ademais deste plan de apoio aos alumnos con dificultades inclúen outros encamiñados á calidade do ensino. Así explicou que os beneficiarios destes contratos-programa pasaron dos 13.000 do curso académico pasado a 53.000 neste. "Non" se pode dicir "que non se aposta pola calidade educativa", sentenciou o representante da consellería destacado que por primeira vez se financia ao 100% con fondos propios cando antes o Estado achegaba a metade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario