xoves, 5 de marzo de 2015

A librería tradicional, en serios apuros

Preto de mil pequenos comercios pecharon durante 2014, segundo a Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros.

A venda de libros en España descendeu un 18% desde 2011, ao pasar de 870 millóns de euros a 707 millóns a facturación anual das 3.650 librerías que ten censadas a Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros (Cegal).

Esta entidade presentou hoxe en Madrid o Mapa de Librerías de España 2014, segundo o cal 912 pecharon en 2014, aínda que abriron 226 novas. As que máis se reduciron son as grandes librerías, aquelas que superan os 1,5 millóns de euros anuais en vendas, que pasaron de 40 a 29. "Seguimos en crise. É preocupante que sexan as librerías máis antigas as que desaparecen; a esperanza está nas máis pequenas", afirmou hoxe a presidenta de Cegal, Pilar Gallego, quen confiou en que o Plan Integral do Libro e Fomento da Lectura que presentarán en breve ao Goberno e que inclúe un programa de axudas sirva para impulsar o sector.

Só 29 librerías, o un por cento, supera os 1,5 millóns de euros anuais en venda de libros, mentres que a maioría sitúase nunha franxa de facturación que vai dos 30.000 aos 90.000 euros, o que debuxa "unha rede de microlibrerías única en Europa, de negocios moi de proximidade", explicou Miguel Flamarit, director a empresa que fixo este mapa, BCC Consultors.

Estes libreiros, que funcionan como "axentes culturais" nas súas cidades, recorren á imaxinación para frear a sangría nas vendas: o 38% acolle presentacións de libros, o 22,8% organiza contacontos e o 16, 7% fai actividades de animación á lectura. "Hai accións con moita inventiva, como organizar obras de teatro 'amateur' cos lectores e rodar curtos", destacou Flamarit, o que non impediu que se pase dos 757 millóns en vendas de libros en 2013 aos 707 de 2014, unha liña decrecente que se mantén desde 2011.

O libro electrónico non parece ser a solución, xa que o 84,9% das librerías non o vende, unha cifra que non variou de forma ostensible nos últimos anos. "Aquí a competencia maligna para o sector non é o libro dixital, senón a descarga ilegal, a piratería", apuntou Gallego.

Do total de libros vendidos o ano pasado, o 20,2 % era escolar, o 4,7 % universitario e foron os artigos de papelería os que completaron principalmente os ingresos da maioría dos pequenos establecementos, cun 24,2 % de facturación. As máis numerosas son as librerías xerais de proximidade (35,4%), seguidas dos xerais de fondo (27,9%), especializadas (27,6%) e xerais con especialización, que supoñen o 9,2% das librerías independentes cuxa facturación de libros é superior ao 50% dos seus ingresos, que son as recollidas neste mapa.

Delas, 103 fundáronse antes de 1940, polo que Flamarit pediu para elas "unha homenaxe, porque pasaron unha ditadura e a Transición e seguen vivindo do libro". Neste aspecto, os anos de maior esplendor do sector foron de 1980 a 1999, cando se abriron 1.151 librerías, mentres que logo de 2000 a cifra redúcese a 728.

O ano pasado deuse a benvida a 226 establecementos. "Non é a euforia dos oitenta, pero seguen abríndose, aínda que tamén pechan moitas", dixo Flamarit, quen pediu "solidariedade" para cos libreiros. "Na historia deste país non pasaron uns anos tan malos como estes ata agora. A situación é difícil, pero hai que ser optimistas porque chegará un momento que se crecerá nas vendas de libros, xa que desde 2009 o descenso foise temperando, e cremos que ese momento está próximo", engadiu.

Para apoiar ao gremio, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte orzou 150.000 euros para modernizar as librerías, tanto nos seus espazos físicos como en novas tecnoloxías, e creou un selo de calidade para estes establecementos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario