xoves, 5 de marzo de 2015

Galiciencia celebra o seu décimo aniversario ao longo de tres meses

Aló polo ano 2006 botaba a andar Galiciencia, un punto de encontro para rapazas e rapaces de todas as idades con ideas innovadoras e coa arela de amosalas ao público nos stands do Parque Tecnolóxico de Galicia ao longo de tres días de portas abertas. En total, arredor de 500 proxectos pasaron polo evento ao longo da última década, algúns dos cales resultaron despois gañadores de certames estatais e internacionais, e foron visitados por preto de 10.000 persoas. Pois ben, xa van dez anos de Galiciencia e nesta edición 2015 celebrarase o décimo aniversario deste evento de divulgación científica de referencia en Galicia.
Así, a Tecnópole espertaba hoxe para celebrar os dez anos de vida da Galiciencia, cun amplo programa de actividades que deron comezo hoxe. O espectáculo científico celebrado no Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense) visitará doce localidades das catro provincias ao longo dos vindeiros tres meses, ao tempo que se abre o concurso para o deseño da mascota oficial do evento.
Todas as actividades previas á celebración da décima edición da Galiciencia, que se celebrará os días 18, 19 e 20 de novembro, contan coa colaboración da Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
Ao longo da presentación do aniversario, o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, explicou que este ano a Galiciencia, “aínda que, como é habitual, terá o seu colofón coa celebración da feira en novembro, non durará tres días, senón nove meses”, en referencia ao extenso programa de actividades previas que se celebrarán por toda Galicia.
O espectáculo celebrado hoxe, ao que asistiron 400 escolares de varias localidades de Ourense, aproveita a celebración do Ano Internacional da Luz, facendo un percorrido polas características da luz e polas tecnoloxías baseadas nelas, desde o microscopio ao LED pasando pola fibra óptica.
Entre moitas outras cousas, os divulgadores científicos David Ballesteros e Carlos Pérez amosáronlles na práctica os fundamentos dos fogos artificiais, que se acadan mesturando diferentes metais (bario, potasio, etc.) para lograr diferentes lonxitudes de onda e, en consecuencia, diferentes cores. Ademais, explicáronlles porqué un raio láser pode atravesar o aceite de oliva pero non o refresco de cola. E tamén grazas ao láser puideron proxectar unha gota de saliva tan aumentada que se podían apreciar as bacterias presentes nela.
Até finais de maio, o espectáculo pasará por vilas de toda Galicia: O Barco de Valdeorras e Verín, en Ourense; Monforte, Lugo e Viveiro, na provincia de Lugo; Ribeira, Padrón e Betanzos, na Coruña; e Pontevedra, A Guarda e Silleda, na provincia de Pontevedra. En todas as ocasións serán expostas as bases da Galiciencia para animar a participar a todos os colexios cos seus proxectos.
Desde mediados do mes de abril até final de curso organizaranse tamén unha ducia de cursos especializados para profesores en centros de toda Galicia, co obxectivo de capacitalos no método científico, de maneira que poidan apoiar aos seus alumnos na preparación de proxectos para participar tanto na Galiciencia coma noutros certames. As inscricións neste curso, que terá lugar en horario de tarde, xa están abertas.
Aproveitando a celebración deste aniversario, Tecnópole lanzará tamén un concurso para deseñar a mascota oficial do evento. Todos os escolares galegos poderán presentar entre abril e xuño as súas ideas e a proposta gañadora cobrará vida durante a celebración da feira. Asemade, tamén serán os propios escolares os que deseñen a camiseta oficial e os que elaboren o vídeo e a revista da feira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario