martes, 24 de marzo de 2015

A Universidade vai á folga e sae á rúa contra o 3+2


Cartel pola folga universitaria

A Universidade vai este martes á folga contra o chamado decreto 3+2. E faino tras unha convocatoria unánime na que se xuntan os sindicatos CIG, CCOO, UGT, STEG e CSIF, ademais das organizacións estudantís Comités, Liga Estudantil, Agir, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes, entre outras.
CIG, CCOO, UGT, STEG CSIF e as organizacións estudantís únense nesta convocatoria de folga contra o decreto 3+2
Logo das manifestacións e do paro de hai un mes, a comunidade universitaria volve ir á folga e saír á rúa contra o famoso decreto, que suporá a eliminación de titulacións e a fusión de graos, que se reducirán a tres anos e a 180 créditos desde os catro anos e os 240 actuais, unha medida que para os seus críticos suporá a súa devaluación e a obrigatoriedade de cursar dous anos de máster -que agora dura un- e asumir prezos elevados para unha maioría dos alumnos. Un novo modelo que facilitará a competencia das universidades privadas, que non poden competir nin en calidade nin en prezo coa oferta pública de graos, pero si o poden facer na de máster.
Todos os convocantes coinciden en advertir dunha medida que será "letal" para as universidades galegas, afogadas xa polos recortes e a política de austeridade imposta polos gobernos do PP. E todos cren que suporá unha limitación para o acceso das clases populares aos estudos universitarios e un favorecemeto para a súa mercantilización e privatización.
Os convocantes coinciden en que a medida suporá unha limitación para o acceso das clases populares á universidade
De feito, os sindicatos e as organizacións estudantís cren que este só é un chanzo máis nunha política que provocará que a cualificación obtida pola maioría de estudantes non será dabondo se non se cursa finalmente un mestrado ao que non todo poderán acceder, ao seren estes "moitos máis caros que os graos". No fondo, os críticos ven como intención final a de desviar os devanditos mestrados á privada, que xa ten un peso máis alto na súa oferta que a pública, o que suporía tamén menos profesorado, menos calidade e menos investigación.
O decreto 3+2, segundo sindicatos e organizacións estudantís, será "un novo golpe" nun sistema universitario galego que xa conta cun precario financiamento, moi lonxe do 1% do PIB que se adoita reclamar para un ensino de máxima calidade e logo da redución dos seus orzamentos en case 90 millóns de euros nos últimos cinco anos, o incremento do importe de taxas e matrículas ou a perda de 350 profesores e case 1.300 investigadores.
O decreto será "un novo golpe" para un sistema universitario galego afogado polos recortes e con 350 profesores e 1.300 investigadores menos

"Nova forma de privatización"

“Temos que demostrar que o estudantado galego está en contra, que queremos unha universidade pública e de calidade”, din pola súa banda as entidades xuvenís que apoian e convocan esta folga. No seu comunicado conxunto, Comités, Liga e Agir insisten tamén na "nova forma de privatización da universidade pública" e de "darlle ás universidades privadas a licenza de implantar este sistema, podendo ter ofertas moito máis flexíbeis, mentres que as universidades se ven obrigadas a unha reestruturación completa cun custo económico inviábel para a situación económica na que se atopa o ensino público".
"Os estudantes de ensino medio ven reducida a posibilidade de poderen estudar na universidade pública por estar esta a converterse nun privilexio", advirten, tras lembrar que o decreto "profundiza nos falsos mitos que comezaron con Boloña". "Venderon a especialización e empregabilidade, e para a maioría do estudantado iso traduciuse en elitización e precariedade. Aquelas que poidan pagar un mestrado terán traballo na empresa privada que o oferte, e a maioría, as que só poidan pagar os tres anos de grao, terán na man un título inservíbel co que acceder a un traballo precario", din.
Ante isto, as organizacións chaman a "baleirar as aulas o 24 de marzo, enchendo as rúas para participar nunha xornada de folga e demostrar a oposición a esta reforma". As manifestacións convocadas nas sete cidades galegas partirán, todas ás 11.30 horas, desde os seguintes lugares:
A Coruña: Praza de Pontevedra.
Ferrol: Praza España.
Lugo: Edificio Sindicatos.
Ourense: Xefatura Territorial de Educación.
Pontevedra: Praza da Peregrina.
Compostela: Alameda.
Vigo: Praza América.

Ningún comentario:

Publicar un comentario