Os cativos criados en dúas linguas prestan máis atención á boca para diferenciar os idiomas, segundo un novo estudo.
Os galegos xa sabiamos que falar dúas linguas axuda ao noso cerebro, protexe as neuronas e retrasa como media uns catro anos a aparición de trastornos mentais na vellez. Agora tamén sabemos que os bebés bilingües aprenden a ler os beizos antes, xa que dirixen a atención á boca dos seus interlocutores antes e durante máis tempo que os bebés monolingües da mesma idade. Este mecanismo parece crucial para diferenciar as dúas linguas e facilitar a súa aprendizaxe. Así o revela un estudo publicado na revista Psychological Science e asinado por Ferran Pons e Laura Bosch, profesores do Departamento de Psicoloxía Básica da Universidade de Barcelona e do Instituto de Investigación en Cerebro, Cognición e Conducta (IR3C), e David J. Lewkowicz, da Universidade Northeastern, en Boston (EUA).Investigacións previas con adultos e bebés corroboraran que extraer información visual da boca axuda a comprender os interlocutores. Así, os bebés aprenden a falar non só escoitando sons, senón tamén lendo os beizos. A medida que os bebés comezan a balbucir —arredor dos oito meses de idade—, empezan tamén a dirixir a atención cara á boca da persoa que fala para aproveitar a gran cantidade de información que poden recoller observando os beizos do seu interlocutor. Trátase dunha das estratexias que empregan para entender ás persoas do seu ámbito e aprender dúas linguas sen esforzo aparente.
A partir deses estudos, os investigadores observaron un grupo de bebés que vivía nun ambiente bilingüe (catalán e castelán) e a outro grupo de bebés que só tiña contacto cunha das dúas linguas (catalán ou castelán). Durante o experimento, os bebés debían mirar un vídeo dunha muller falando en catalán ou español. Os nenos levaban un aparato de tecnoloxía de seguimento ocular para medir con precisión canto tempo miraban aos ollos e a boca da persoa que aparecía no vídeo. O obxectivo era atopar diferenzas no aproveitamento destes sinais audiovisuais. Os resultados do estudo mostran que os bebés bilingües dirixían pronto a atención aos beizos, e por un período de tempo máis longo que os nenos monolingües. “Xa se sabía que os nenos monolingües se fixan máis na boca na etapa de balbucido, pero o novidoso do noso estudo é o feito de que os nenos bilingües necesitan esta información extra para outros motivos tan ou máis importantes, como son poder diferenciar e establecer que hai dúas linguas ao seu arredor”, explica Ferran Pons.
Os investigadores constataron que, independentemente do idioma que falara a persoa do vídeo, os bebés monolingües de catro meses miraban máis tempo aos ollos que á boca, mentres que os bebés bilingües de catro meses miraban aos ollos e a boca ó mesmo tempo. “A información que os bebés obteñen da boca é crucial para aprender as dúas linguas que está a adquirir o neno bilingüe. Por este motivo, xa nas etapas máis temperás (catro meses), deben comezar a utilizar esta información extra, o que os monolingües non fan porque non o necesitan, xa que non teñen o input dobre”, aclara Ferran Pons.
Os monolingües miran máis tempo aos ollos que á boca, mentres que os bilingües miran aos ollos e a boca ó mesmo tempo
O experimento tamén mostra como esta tendencia continúa nos
cativos de doce meses. Por un lado, os bebés monolingües desta idade
miraban igual aos ollos e á boca en resposta á lingua nativa e miraban
máis tempo á boca en resposta á fala non nativa. Por outra parte, os
bebés bilingües miraban máis tempo á boca, independentemente da
linguaxe, e máis tempo que os bebés monolingües en calquera caso. “Cando
os nenos son maiores, tamén é importante para os bilingües seguir
utilizando esta información visual da boca, xa que están a consolidar as
súas dúas linguas maternas”, continúa Pons.O estudo tivo continuidade con outra investigación que comparou as estratexias de aprendizaxe de nenos bilingües que aprenden linguas romances similares (catalán e castelán) con nenos bilingües que aprenden linguas máis diferentes (castelán e inglés). Os resultados preliminares, con bebés de doce e quince meses, suxiren que é máis difícil e complexo aprender linguas similares, xa que o grupo de nenos que as adquire necesita máis atención á boca en comparación cos que aprenden linguas máis disímiles. “É dicir, canto máis complexo é o ámbito lingüístico no que se atopan, máis necesidade teñen de utilizar estas pistas audiovisuais”, subliña o investigador.
A investigación tamén abriu outra liña de investigación que relaciona o feito de mirar á boca ou os ollos non só coa aprendizaxe da linguaxe por si mesmo, senón con variables comunicativas, sociais e emocionais. “Tentamos explorar todos os factores que poden intervir nos patróns de mirada que ten un neno cando interactúa cun adulto, e de que xeito diferentes aspectos como o feito de ser bilingüe pode modular este patrón de mirada sen indicar ningún problema na vertente social ou comunicativa”, conclúe Ferran Pons.
Esta investigación pode ser útil para afondar no coñecemento dos diferentes factores que poidan estar relacionados coas dificultades para adquirir a linguaxe en etapas temperás do desenvolvemento
Artículo de referencia:
Pons, F.; Bosch, L.; Lewkowicz, D. J. «Bilingualism modulates infants’ selective attention to the mouth of a talking face».Psychological Science online, 2015. DOI: 10.1177/0956797614568320.
Ningún comentario:
Publicar un comentario