xoves, 26 de marzo de 2015

Aulas baleiras e rúas cheas contra o 'Decreto 3+2'

Todas as cidades do país acolleron hoxe manifestacións de universitarios e persoal da universidade contra a reforma dos graos. CIG, CCOO, UGT, CSI-F, Comités, Liga Estudantil Galega, AGIR, Sindicato de Estudantes e Acción Universitaria aprobaron a mobilización, entre outros colectivos. Vídeo no interior.

“Desprestixio da universidade pública”. “Privatización”. “Acoso”. “Privilexio para as clases máis favorecidas”. Estas son algunhas das ideas que os sindicatos que representan ao persoal e ao estudantado da Universidade de Vigo xustifican para a xornada de folga que este martes se desenvolveu en todo o sistema universitario español en contra do denominado Decreto 3+2 aprobado polo Goberno central e que permite a implantación de graos de tres años e mestrados de dous.
 
Non obstante, o Decreto 3+2 leva tras de si unha longa relación de denuncias e esixencias por parte dos representantes sindicais, que rexeitan os recortes en educación e investigación, a privatización do ensino e a precariedade laboral, ao tempo que demandan unha equiparación das taxas de grao e mestrado, unha política de bolsas que incremente o seu número e contía, un financiamento estrutural estable e suficiente para o sistema universitario e unha política de dotación de persoal que permita a renovación e garanta o mantemento das titulacións e o impulso da I+D.
 
CIG, CCOO, UGT, CSI-F, Comités, Liga Estudantil Galega, AGIR, Sindicato de Estudantes e Acción Universitaria fan unha chamada conxunta á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a que este martes apoien unha xornada de folga e mobilización en defensa do ensino público, contra os recortes e por unha sociedade máis formada e unha investigación de calidade.
 
 “O estudantado está sendo expulsado do ensino superior mediante o encarecemento da taxas universitarias á vez que aumentan os recortes en bolsas provocando isto a imposibilidade de moitas galegas e galegos do dereito de formarse”, explica Brais Fortes, responsable nacional de Universidade dos Comités, formación que xunto á Liga, AGIR, o Sindicato de Estudantes e Acción Universitaria, convocou ao alumnado á xornada de folga deste 24 de marzo.
 
Consideran os representantes do estudantado que con estas medidas a universidade estase a converter “nun luxo” e que aquelas persoas que poidan pagar un mestrado “terán traballo na empresa privada que o oferte, e a maioría, as que só poidan pagar os tres anos de grao, terán na man un título inservible co que acceder a un traballo precario”.
 
As centrais sindicais que representan ao persoal docente e investigador e ao de administración e servizos, fan súas as demandas e críticas dos sindicatos de estudantes e sinalan que no caso do PDI das universidades galegas “tiveron que sufrir os recortes impostos pola Xunta, que se traduciron en 86 millóns de euros menos de financiamento en tan só cinco anos, ademais de ser o máis envellecido do estado”, explica Aquilino S.Alonso, representante da CIG PDI Funcionarios da Universidade de Vigo.
 
A perda de 1287 investigadores e investigadoras entre 2010 e 2013 en Galicia é un dato sobre o que poñen o acento os representantes dos e das traballadoras, que cifran en 5669 docentes e 2455 PAS a sangría de empregados nas universidades públicas españolas entre 2012 e 2014.
 
“Se nos remitimos aos datos, o panorama, senón é de acoso, cando menos é de indiferenza ante a situación da universidade en España”, sinala Ana María Bande, responsable da Sección Sindical de CCOO na Universidade de Vigo, mentres que os e ás responsables de UGT amósanse máis contundentes á hora de asegurar que “si existe un acoso” por parte do Goberno central á universidade pública, que consideran “ferida de morte”.
 
Reivindicación do público
 
Xunto ao encarecemento que este novo sistema introducirá e aos recortes que nos últimos anos as administracións están a operar no ensino universitario, os sindicatos alertan doutra negativa consecuencias das políticas educativas que se están a desenvolver no país: a privatización do sistema. “As reformas do Goberno do PP, tanto o Decreto 3+2, xa aprobado, como os que eliminan as esixencias para crear universidades ou o que endurece o acceso á profesión docente ao implantar unha acreditación menos obxectiva, están encamiñadas a privatizar o sistema universitario e recortar aínda máis o financiamento á universidade pública, o que provocará o seu encarecemento e unha maior perda de postos de traballo”, asegura Ana Mª Bande de CC.OO.
 
Pola súa banda, desde UGT denuncian a degradación das titulacións ao reducir a calidade das universidades públicas, “facilitando igualmente a expansión das universidades privadas no ámbito dos mestrados e titulacións curtas, única forma de que compitan coa oferta das públicas”, mentres que desde a CIG, Aquilino S. Alonso, asegura que “o goberno central leva anos lexislando para crear un caos que desprestixie á universidade pública, unha cruzada na que a Xunta colabora activamente”. Pola súa banda, os sindicatos estudantís falan dun sistema universitario público “cada vez máis debilitado, con menos financiamento e maior inversión do capital privado, ao que se está dar poder financeiro e capacidade de poder intervir directamente na nosa educación”. 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario