Manzaneda é un pequeno concello de alta montaña de Ourense que inclúe parte da Cabeza Grande, onde se atopa a única estación de esquí de Galicia, a estación de montaña de Manzaneda. Neste concello terá lugar o sábado 14 un encontro cos xogos populares do país e a música tradicional. Entrevista con Davide García -alcalde, músico e bombeiro-, un dos promotores deste encontro.
Galiza perde poboación e o rural desángrase. Como vive esta realidade o Concello de Manzaneda?
A realidade do Concello de Manzaneda estamos a mudala pouco a pouco.
Fomos dos poucos concellos da Galiza do rural que este ano volvemos a
crecer en poboación. Temos un colexio que nos últimos seis anos pasou de
11 nenos a 23. No que atinxe a emprego fomos o oitavo concello da
provincia en creación de novas empresas e cooperativas e reducimos o
paro no 2014 nun 15%. Todo isto non é froito da casualidade. Levamos
apostando fortemente polos proxectos produtivos no agro durante anos con
cursos, charlas e fomento do cooperativismo e somos o concello da
provincia de Ourense que máis destina a servizos sociais e cultura. Non
obstante, somos conscientes de que de non mudar as políticas da Xunta en
defender os servizos públicos do rural e dar valor o noso agro non
aguantaremos nin creceremos todo o que temos que crecer.
Ademais do turismo, que outros recursos económicos lle dan vida o Concello?
O principal recurso económico que posúe actualmente o municipio é o
agrogandeiro e as empresas de transformación (castañas, carne, viño,
etc…), aínda que si que e verdade que o turismo representa unha
importante fonte de ingresos. Isto vese reflectido na ampliación de
establecementos que nos últimos tres anos abriron as súas portas (casas
de turismo rural, albergue municipal, etc..)
Vivir en plena montaña terá as súas avantaxes e os seus inconvintes ...
Tan só os que nos mandan dende San Caetano os actuais dirixentes da
Xunta coa supresión de servizos especiais como o comedor escolar,
mobilidade, recortes en axuda no fogar e dependencia, etc… O resto para
a xente que vivimos aquí creo que todo son avantaxes.
Daquela considerádesvos privilexiados polo voso patrimonio natural, etnográfico e cultural?
É unha gran sorte pertencer a un concello con tanta diversidade no seu
conxunto. Podemos pasar dos 400 metros do val do Bibei onde atopamos os
viñedos e as paisaxes de ribeira ata os 1.800 da Cabeza Grande coa súa
serra e o seu gando en extensivo. Na media ladeira os asentamentos
poboacionais, zonas de labradío, soutos… Acompañando a todo isto
patrimonio natural (monumentos naturais, árbores senlleiras, fervenzas,
glaciares), etnográfico, cultural e inmaterial como o entroido.
Ademais de polo entroido, Manzaneda é referencia no pais por
organizar outras festas que manteñen vivas as nosas tradicións.
Precisamente este sábado terá lugar unha. Pola tarde, a partir das
15.30 haberá bolos, billarda, chave e obradoiro de baile, e pola noite a
partir das 23.00 serán amenizado polos grupos A Requinta de Laxeira e
Carapau. Como xurdiu a idea de montar estas xornadas?
Levamos varios anos recuperando o xogo dos bolos que se xogaban en
distintas aldeas. Ao mesmo tempo levamos catro anos con clases de música
tradicional, solfa e canto. Cremos importante dende o grupo de goberno
rescatar estes seráns que fai anos facían os nosos veciños de forma
espontánea case tódolos días do ano e dotalos de contido xuntando as
aldeas dun día de xogos tradicionais, música tradicional, obradoiros de
baile, etc…
Como colaboran co concello asociacións como A Rebusca e o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo?
A verdade é que sen a axuda do asociacionismo o concello non tería
capacidade para organizar estes eventos. O concello outorga subvencións
as diferentes asociacións existentes por medio dun procedemento de
actividades que realizan e son elas as que co beneplácito do concello,
organizan e dotan de contido as actividades a desenvolver.
Ningún comentario:
Publicar un comentario