Este 23 de marzo presentouse
no consistorio de Compostela o programa Apego, unha iniciativa
impulsada por unha ducia de concellos galegos que se dirixe a
fortalecer as canles de transmisión do galego de cara as novas
xeracións, precisamente as máis necesitadas de ambientes onde se
fale a nosa lingua con total normalidade. Amais
do de Santiago, xuntan forzas en Apego os Servizos de
Normalización Lingüística dos seguintes concellos: A Baña,
Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra,
Redondela, Rois e Vigo. A iniciativa, que está aberta e convida á
participación de todo tipo de axentes políticos e sociais
comprometidos coa conservación da lingua, terá espazo en liña de
seu para informar do desenvolvemento do programa e permitir o acceso
a materiais de apoio.
Ademais, crearase comunidade TIC para dar acubillo
ás familias que aposten pola crianza en galego ou que estean
interesadas nela. Na comunidade terán información específica e
máis todo tipo de recursos de apoio.
As accións devanditas e as restantes que acubille o
proxecto serán deseñadas conxuntamente polos concellos
participantes. O
obxectivo é crear unha imaxe homoxénea sen que iso sexa
incompatíbel coas realidades concretas de cada concello. Amais
da web, a rede comunitaria e o deseño común haberá campañas
informativas off line (nos espazos decote empregados para
atender ás mulleres nos embarazados e ás familias interesadas en
adoptar), material para as mulleres que vaian ter unha crianza
(libros, álbums, colantes) e a edición de 5.000 CD de acollida para
os novos nacementos e adopcións cunha escolma de música que se
adapte aos diferentes intres da crianza.
A iniciativa foi impulsada por técnicas e técnicos
dos Servizos de Normalización Lingüística dos devanditos
concellos. Apego comezará a súa andaina por volta do mes de maio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario