luns, 16 de marzo de 2015

O decreto 3 +2 significa: eliminación de carreiras, depreciación do título de grao, custos inasumibles para a maioría e despedimentos masivos do profesorado

O Goberno do PP e o seu lamentable Ministro de Educación, Jose Ignacio Wert, queren acabar cunha das conquistas máis importantes para os mozos e os traballadores: o acceso á formación superior para a inmensa maioría das familias. Queren volver ao modelo no que soamente quen tiña diñeiro podía estudar e o motivo para iso é moi claro: queren que só unha minoría de privilexiados poida acceder á formación superior porque son os únicos que teñen garantidos os bos postos de traballo. Para os demais, a inmensa maioría, preparan un futuro de paro e precariedade e así, ao quitarnos a posibilidade de acceder a estudos superiores e de ter unha boa cualificación, bótannos a un futuro no que teñamos que aceptar calquera traballo en calquera condición se non pasar directamente ás listas do paro.
Con esta liña mestra elaboraron todos os seus plans e reformas educativas. Na Universidade hai varios anos que sufrimos os efectos do aumento de ata o 66% das taxas, ao mesmo tempo que se veu producindo unha considerable redución da contía das bolsas e o endurecemento dos requisitos para logralas. Estas medidas xa provocaron a expulsión de 45.000 estudantes da Universidade por non ter diñeiro, pero a súa carreira por destruír a Universidade Pública continúa a toda présa para poder chegar o máis lonxe posible nos seus plans elitizadores antes de que os botemos da Moncloa.
Como afectará o decreto 3 +2 aos estudantes
O decreto 3 +2 pretende cambiar a estrutura das ensinanzas universitarias por completo. Ten en realidade as implicacións dunha nova lei, pero para facer o menor ruído posible e aprobala ás agachadas e coa maior celeridade, o PP formula impoñela por decreto, aprobándoa no Consello de Ministros da próxima semana para que se aplique a partir do mes de Setembro de 2015, é dicir, dende o comezo do curso que vén.
Depreciación dos graos: pasarán de catro a tres anos e converteranse en papel mollado no mercado laboral
O cambio fundamental radica en que os actuais graos, que constan de catro anos pasarán a tres. Segundo explica o borrador do decreto estes terán un carácter "básico" e "xeralista", é dicir que non serán suficientes para adquirir a cualificación necesaria para desempeñar unha profesión de alta cualificación no terreo laboral como avogado, xornalista, enxeñeiro, enfermeiro... Para obter esa cualificación "especializada" - segundo o texto do decreto - será necesario cursar un máster que pasará da duración actual dun ano a dous anos, co correspondente desembolso económico.
Para obter un título válido no mercado laboral haberá que pagar dous anos de máster a prezos inasumibles para a maioría.
Para facernos unha idea do que supón isto, podemos tomar como exemplo os prezos actuais dos masters que se ofertan en universidades públicas. O custo, por exemplo, dos masters dun ano na Universidade Complutense de Madrid, a primeira en número de alumnos, oscila entre 4.000 e 7.000 euros anuais. A partir da entrada en vigor do novo decreto teremos que afrontar o pagamento de dous anos de máster que poden oscilar entre 8000 e 14000 euros para poder obter un título universitario que sexa recoñecido no mercado laboral. Así está claro que será tan só unha minoría privilexiada quen poida custearse os estudos universitarios que poderán ascender tranquilamente a máis de 20.000 euros.
Suprimiranse graos e despedirase miles de profesores.
O paso dos graos actuais aos novos graos de tres anos de carácter básico e xeral, supoñerá que moitos dos graos actuais se fusionen con outros da mesma rama, co cal se suprimirán moitos dos que existen actualmente.
Por outro lado, esta reforma terá tamén efectos desvastadores entre o profesorado. Se actualmente xa existe unha clara barreira económica entre os estudantes de grao e máster polos prezos que supón (do 1,4 millóns do total de estudantes universitarios, só son en torno a 100.000 son os que actualmente poden estudar un máster), é doado facerse unha idea que cantos profesores sobrarán cando se suprima un curso enteiro nos graos. Que pasará cos profesores que imparten actualmente a súa materia a uns 325.000 estudantes? Nuns anos procederase a despedir miles de profesores da Universidade.
A que estudantes afectará o decreto 3 +2?
Aínda que a entrada en vigor do decreto será en Setembro deste ano, os afectados non serán só os que comecen a Universidade a partir do próximo curso, senón tamén os que xa están a estudar actualmente. Tal e como especifica o borrador que Wert pretende aprobar, este decreto aplicarase aos estudantes que anteriormente tivesen comezado graos que vaian cambiar de 4 a 3 anos. É dicir, que se estás en segundo curso pero o teu grao pasa a ser de 3 anos, se che aplicará o novo decreto.
Por se isto non fose suficiente, o efecto de depreciación do título de grao afectará tamén ao conxunto dos xa graduados e licenciados, xa que a consideración do título de grao ou licenciatura terá menos validez no mercado laboral e se nos exijirá un máster de "especialización" que a maioría non temos.
Non o podemos permitir! Non á elitizacíón da Universidade Pública!
O decreto 3 +2 é un ataque grave, unha auténtica bomba contra a Universidade pública. Se este se chega a aplicar, supoñerá o peche definitivo das portas da Universidade para os que somos fillos de traballadores, é dicir, para a inmensa maioría. Volverase á Universidade de hai décadas, cando só os sectores máis adiñeirados, tiñan acceso a esta. Aos que provimos de familias obreiras, de barrios humildes, aos que temos aos nosos pais ou irmáns no paro negarásenos o dereito a poder estudar na Universidade.
Dende o Sindicato de Estudantes pensamos que só esta medida, merece unha resposta da maior contundencia por parte de toda a comunidade educativa. Pero o certo é que este decreto se une aos recortes de 7.000 millóns de euros que xa se levaron a cabo na escola pública nos últimos anos, ao despedimento de 32.000 profesores, á aprobación da contrarreforma franquista da educación - LOMCE-
É o momento de responder con toda a forza. Por iso é necesario que tanto os estudantes coma os sindicatos do profesorado - CCOO, UGT, STES e as organizacións de pais - CEAPA - volvamos encher as rúas nunha nova folga xeral de 72 horas de toda a comunidade educativa.
 PICA AQUÍ PARA LER O TEXTO DO BORRADOR DO DECRETO PUBLICADO NA WEB DO MECD
ASINA AQUÍ A PETICIÓN DE RETIRADA DO DECRETO

Ningún comentario:

Publicar un comentario