xoves, 19 de marzo de 2015

Os galegos emigran como hai un século

Máis de 14.000 persoas saíron de Galicia ao estranxeiro en 2014. É a terceira autonomía na que máis xente emigra. Os galegos representan xa case o 25% do total de españois que viven no exterior e chegan a case medio millón de persoas.

Hai un século milleiros e milleiros de galegos deixaban a súa terra en busca dun futuro mellor en América. Unha emigración que continuou durante moitos anos e que comezou a decrecer a partir dos anos 70 sen chegar a desaparecer.  Sen embargo, a crise sistémica que padece o Estado español volveu incrementar exponencialmente a saída de galegos.
Tamén, e como hai cen anos, Galicia está á cabeza en emigrantes. Dos 124.995 españois que marcharon de España en 2014 para fixar a súa residencia no estranxeiro, 14.412 saíron de Galicia. Eses son os números oficiais, porque hai outros moitos que viven no estranxeiro e non están, aínda, rexistrados en ningunha embaixada ou consulado.
E, a diferencia do que acontecía hai cen anos, a maior parte dos galegos que marchan están moi preparados. Un coñecemento que, a pesar de adquirir aquí, vai ser usado para beneficio doutro estado.  
Por número de persoas que abandonaron a súa comunidade, Galicia ocupa o terceiro posto, superando a Andalucía, segundo os datos difundidos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Sen embargo, en números porcentuais, tendo en conta a poboación total sobre o número de emigrantes, Galicia sitúase, claramente, á cabeza.
E é que en 2014, os galegos que marcharon foron 14.412 fronte aos 25.000 de Madrid e os 20.600 de Cataluña, tendo en conta que a poboación destas autonomías é de 6,5 millóns e 7,5 millóns respectivamente, fronte aos 2,7 millóns de Galicia.
En total, o número de españois residentes no estranxeiro incrementouse un 6,1 % respecto ao ano anterior.  A Estatística do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE) amosa que, a 1 de xaneiro de 2015, os galegos seguen sendo o colectivo con máis presenza no exterior: 493.970 dos 2.183.043 españois que viven fóra.
A Comunidade de Madrid é a segunda rexión con máis cidadáns no exterior, con 317.897; seguida por Andalucía (249.859) e Cataluña (242.070). Castela e León ten 159.799 cidadáns residindo no estranxeiro, 7.120 máis que hai un ano; Canarias 155.416, 9.387 máis que o ano anterior, e Asturias 121.781, 5.411 máis.
De acordo coa mesma estatística, hai 110.052 inscritos na Comunidade Valenciana (9.587 máis); 80.297 no País Vasco (3.957 máis); 39.414 en Cantabria (2.165 máis); 37.629 en Aragón (2.202 máis) e 32.947 en Murcia (2.534 máis).
A Rioxa é a rexión con menos emigrantes inscritos, con 16.509 e un aumento de 1.102 respecto ao 1 de xaneiro de 2014. A continuación, Baleares, con 27.176 (2.556 máis); Navarra, con 27.961 (2.099 máis); Estremadura, con 28.994 (1.122 máis) e Castela-A Mancha, con 32.060 (2.525 máis).
A maior parte do case medio millón de galegos residente no exterior asentouse en América, cun total de 374.269 inscritos, dos que 163.227 viven en Arxentina, 46.617 en Venezuela e 44.809 en Brasil. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario