O Tribunal Supremo dá a razón á Xunta e reafirma nos seus aspectos básicos o fallo do Tribunal Superior de Xustiza galego en relación ao decreto que limita a presenza do galego no ensino.
Foi a propia Consellaría de Educación da Xunta de Galiza quen se encarregou de informar que o Tribunal Supremo non estima o recurso de casación interposto pola Real Academia Galega contra o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.O Supremo avalaría a legalidade do decreto do plurilingüismo, unha norma legal que, coa coartada da introdución do inglés no ensino público galego, reduce a presenza do galego nas aulas.
A RAG presentara en primeira instancia un recurso contra este decreto face o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Esta instancia xudicial desestimou o groso da demanda da Real Academia Galega, se ben si que tivo en conta dúas das súas alegacións ao negar o carácter vinculante da consulta aos pais sobre en que lingua deben impartirse nas aulas e ao considerar que tampouco se axustaba a dereito a pretensión da Xunta de que o alumnado puidese elixir libremente a lingua en que se expresar durante o seu desempeño académico.
Porén, o TSXG si avalaba o decreto no seu contido fundamental: a redución das horas lectivas do galego, emparellado á baixa coa lingua inglesa.
Foi por iso que a RAG decidiu presentar un recurso de casación perante o Tribunal Supremo. O Alto Tribunal vén agora rexeitalo e, portanto, vén avalar a doutrina sentada polo TSXG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario