xoves, 5 de marzo de 2015

Varios colexios carecen xa de vacantes para algúns cursos

O prazo de reserva de prazas está aberto ata o 23 e no Manuel Rivero, Lourdes e Figueiroa para algúns niveis de ensino non hai prazas.

Os colexios da zona abriron o prazo de reserva de matrícula para o curso que vén ata o día 23. E mentres uns buscan alumnos para manter unidades, noutros as prazas escasean e están máis que solicitadas. O Manuel Rivero en Lalín e o Figueiroa e en Lourdes na Estrada son tres nos que as reservas xa se están movendo. Neles hai cursos para os que non hai ningunha praza libre.
O Manuel Rivero oferta 25 prazas para tres anos (22 máis tres reservadas a nenos con necesidades educativas específicas). Para catro anos só hai catro prazas libre e para cinco anos, a clase para o curso que vén xa está ao completo, igual que para quinto de Primaria. Neste último nivel, para segundo só hai unha vacante, outra para terceiro, tres para cuarto e outras tres para sexto de Primaria.
No de Figueiroa ofértanse outras 25 para nenos de tres anos, 22 máis tres para necesidades educativas específicas; quince en catro anos, unha en cinco anos, tres en terceiro de Primaria, unha en cuarto, seis en quinto e cinco en sexto. Para o curso que vén o centro non ten vacantes para segundo de Primaria nin para primeiro, onde só quedan libres dúas de necesidades educativas específicas. Ambos son dous dos centros que adoitan acabar cada ano con lista de espera. Pero os colexios da zona que teñen un maior número de estudantes son o Xesús Golmar de Lalín e o Pérez Viondi na Estrada. Neste último explican que hai dous anos xa suprimiron unha unidade de infantil, o que fai que teñan máis demanda que prazas.
As vacantes para o próximo curso volven ser 50 (seis delas reservadas en principio para alumnos con necesidades educativas específicas). Unha cifra que xa este ano quedou insuficiente porque o número de pequenos de tres anos é este curso de sesenta. Haberá que esperar agora ás reservas, ver si alcanzan e si Educación decide ampliar ao final, segundo as cifras.
O Xesús Golmar conta este curso cuns 640 estudantes e para o curso que vén agarda ter unha cifra similar. O centro oferta 75 prazas para nenos de tres anos, oito para catro anos, nove en cinco anos, en primeiro de Primaria quedan as nove de educación de necesidades educativas específicas; en segundo de Primaria o centro conta con 19 vacantes, sete en terceiro, 21 en cuarto, quince en quinto e oito en sexto. E mentres que nestes centros os pais danse présa, no resto non hai problemas de prazas.

Rodeiro celebra a natalidade e o rural busca nenos ampliando área xeográfica

E mentres nuns centros, os pais móvense xa en busca de prazas, noutros son os profesores os que fan contas en busca de alumnos. Hai anos con sorpresas como será o curso que vén en Rodeiro onde calculan ter vinte nenos fronte aos seis que hai este ano na clase de tres anos. Agora hai que esperar que se apunten todos, de fóra matriculáronse xa catro, aos que engaden dezaseis nacementos que se produciron fai tres anos. No resto das clases hai unha media de vacantes de dezaseis alumnos por aula. No colexio de Cerdedo hai este curso en Infantil dezanove nenos e na gardería oito para empezar o cole, aos que se engade algún máis que non utilizou este servizo. En Oca, na Estrada, a previsión en tres anos para o curso que vén é, de momento, boa, e no de Codeseda xa reservaron tres en tres anos e esperan contar cuns sete. No de Vexa apuntan que as novas xeracións van minguando. Este curso había trece de tres anos, pero creen que serán menos para o próximo. En Cercio, en Lalín, hai xa seis reservas para tres anos e agardan poder sumar algún alumno procedente de Lalín. En Merza este curso non hai nenos de tres anos e para que vén un xa foi a matricularse e esperan outros dous, mentres que en Dozón teñen xa catro apuntados de tres anos e en Soutelo calculan ao redor de cinco posibles. Neles igual que en Piloño, Prado, Vilatuxe, Oca, Vexa, O Foxo, Agolada, Cerdedo, Forcarei ou Cruces a loita cada curso é manter alumnos.

O Sacro Corazón ofrece canguraje gratuíto en infantil

Nos colexios concertados da zona as reservas xa están animadas. En Nosa Señora de Lourdes da Estrada non hai prazas vacantes nin para segundo nin para sexto de Primaria. Para tres anos ofértanse 25 e xa recibiron unha avalancha. Os nenos con irmáns no centro teñen xa reservada praza. No Sacro Corazón de Lalín ofrécese servizo de canguraje gratuíto para os nenos de tres, catro e cinco anos de 7.45 a 20.30 horas. O centro ten 50 prazas vacantes para tres anos, 23 para catro anos e 26 para cinco anos, con prazas libres no resto dos cursos ata cuarto da ESO, comedor e internado desde terceiro de Primaria. O María Inmaculada de Silleda ten 25 vacantes para tres anos, cinco en catro anos e catro en cinco, en primeiro só quedan tres para necesidades específicas e vacantes no resto dos cursos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario