A Asemblea da Federación Rural Galega (Fruga) tratou as principais problemáticas que afectan ao decaído rural de Galiza, entre os que tamén están a "crise demográfica" ou "unha PAC que non defende aos agricultores". A organización pula por unha Interprofesional Láctea Galega.
Moitos problemas arrastra o rural galego, que segue en caída libre, acelerada nos últimos anos malia ao pequeno regreso de persoas que se rexistrou desde a explosión da crise. Aínda que o rural leva anos nela. Coa UE -antes CEE- sempre detrás dos problemas dos sectores produtivos tradicionais galegos.
Estas problemáticas tratáronse na II Asemblea Nacional da Federación Rural de Galiza, Fruga, onde se defendeu o "equilibrio territorial" e criticouse a "despoboamento no interior" de Galiza, ben como a "importantísima crise demográfica". Tamén se falou sobre a cuestión medioambiental, pois consideran que as "zonas abandonadas" no rural poden ser "pasto do lume". Nesta Asemblea Nacional, ademais, tiveron lugar varios relatorios sectoriales sobre o viño e a horta, entre outras temáticas.
A liberalización do sector lácteo chega ao seu culmen esta cuarta feira 1 de abril coa desaparición do sistema de cotasFruga tamén advertiu este domingo -cando Xurxo Álvarez foi nomeado presidente de novo- de que a "liberalización" do sector lácteo após a "supresión" das cotas lácteas -a partir desta cuarta feira 1 de abril- provocará "excedentes" na produción, así como "grandes caídas" no prezo do leite.
"Preocúpanos moito esta desaparición", subliñou o dirixente de Fruga Manuel Dacal en declaracións á axencia Europa Press. Con todo, rexeitou defender o sistema de cotas, xa que asegurou que "non garante" os prezos. Nesta liña, cómpre lembrar que Galiza é a zona da Unión Europea na que se cobran os prezos "máis baixos" polo leite. Por iso, desde o rural apostan nun "mecanismo de control da produción" que estea "ligado a un prezo". En concreto, o obxectivo de Fruga é unha Interprofesional Láctea Galega, na que estean presentes todos os actores relacionados co mercado do leite e se garantan os prezos".
Para rematar, outra das grandes problemáticas está na Política Agraria Común (PAC). A este respecto, desde Fruga cargouse contra a Consellería de Medio Rural por "pregarse" aos intereses de Ministerio de Agricultura "no canto de defender os intereses dos agricultores".
Ningún comentario:
Publicar un comentario