O músico vigués toca a 2.700 quilómetros cun violinista italiano sen retardo grazas a un proxecto do Centro de Supercomputación de Galicia.
Facer posibles concertos con músicos separados por grandes distancias e que non exista retardo. Que o transporte do sinal sexa case instantáneo e todo poida soar sincronizado. En resumo, reducir ao mínimo a latencia, o retardo entre unha interpretación musical e a escoita ou gravación. Este é o obxectivo dun proxecto conxunto do Centro de Supercomputación de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela. Para iso realizaron experimentos en vivo con tecnoloxías musicais pioneiras en Europa e músicos profesionais.Grazas á tecnoloxía LOLA -desenvolvida polo Conservatorio Giuseppe Tartini de Trieste (Italia)- o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o equipo de Canal Campus da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido polo profesor Xaime Fandiño, organizaron concertos para que dous músicos separados por grandes distancias ensaiasen un concerto cun mínimo de latencia. É dicir, que esta actuación musical sexa sincrónica sen importar os quilómetros que separen os artistas.
No futuro, os músicos poderán dar concertos en vivo sen estar xuntos
O músico e compositor vigués Pablo Novoa -colaborador habitual de Iván Ferreiro e con proxectos propios como Radio Pesquera- foi o encargado de interpretar dende Cáceres, xunto ao violinista italiano Sebastiano Frattini -que
estaba a 2.700 km enTrieste (Italia)-, dous temas musicais moi
coñecidos: Sunny, de Bobby Hebb, tema popular nos anos 60, e Get lucky,
canción do grupo francés Daft Punk.“No noso proxecto emítese ademais vídeo, polo que existen requisitos adicionais en todos os elementos da cadea: o ancho de banda, a fiabilidade e a latencia na comunicación do sinal de vídeo; así como a capacidade de procesado dos servidores, sistemas de captación de imaxe e proxección, cableado, etc.”, afirma Natalia Costas, responsable do experimento no CESGA.
O obxectivo destas experiencias é que se acheguen á percepción que temos de ‘tempo real’ e que sexa o máis síncrona posible entre ambos os dous fluxos, audio e vídeo. O proxecto é pioneiro en España, e tan só existen outras probas anteriores en redes de investigación europea e americanas.
A tecnoloxía pode ter grandes aplicacións no ensino e na telemedicina
“Cando me propuxeron participar nesta experiencia aceptei encantado, son licenciado en Químicas
e foi un xeito de unir as dúas caras da miña vocación. Conseguir gravar
ou tocar a distancia abre un campo enorme para a colaboración entre
músicos e para dar clases sen ter que desprazarse. Ademais, todo avance
para diminuír a latencia é moi beneficioso para mellorar as gravacións
musicais e audiovisuais”, engade Novoa.Esta tecnoloxía pódese aproveitar directamente na docencia musical, as performances e ensaios a distancia, ou as videoconferencias. “Permitirá reducir os desprazamentos e, polo tanto, os custos. Pero tamén poden pensarse aplicacións noutros campos, como a telemedicina, nos que a comunicación audiovisual con mínima latencia é importante”, apunta Costas.
Ao rexistrar unha pista de son sobre unha base xa gravada, a latencia é apreciable para o oído humano se se produce un atraso de entre 15 e 20 milisegundos. Se isto acontece, a pista queda desprazada do resto, e provoca a sensación de estar mal tocada ou executada preguiceiramente.
“É moi importante minimizar a latencia para poder tocar ou gravar melodías, xa que afecta á pulsión rítmica da peza interpretada,” explica o músico galego. Non todos os tipos de música funcionan igual á hora de adaptarse á rede. Segundo incrementa a latencia entre os músicos, as composicións que son moi rítmicas teñen maiores dificultades para a súa execución.
“Agora mesmo xa hai xente que dá clases por Skype. O atraso existe, pero non é tan grave como para non poder intercambiar música; pero para facer un concerto só funciona a escala experimental“, sinala Novoa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario