O observatorio OSIMGA vén
de achegar datos de interese sobre o nivel de uso das TIC no tecido
produtivo galego, un nivel de uso que nalgúns parámetros supera á
media estatal. Segundo se fai saber no novo informe do Observatorio
da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA),
“o 35,2% das microempresas galegas e o 38,5% das grandes empresas
con actividade en Galicia empregan as redes sociais, en ambos casos
superan a media estatal”. Asemade, engade o organismo de AMTEGA, as
nosas firmas tamén despuntan no conxunto do Estado en emprego de
servizos en liña coa Administración. O
estudo A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia,
correspondente ao ano 2014, elaborouse no marco do convenio asinado
entre AMTEGA ,o IGE e o INE.
A maiores do devandito e
seguindo o fío da cuestión das redes sociais, na investigación
tamén se sinala que a taxa de microempresas que as usan
incrementouse en 8,8 puntos, e a taxa de firmas de de 10 e máis
traballadores que tiran partido dos servizos e comunidades 2.0
situouse en 9,4 puntos.
Asemade, apúntase a que
“tres de cada catro empresas de 10 ou máis traballadores con
actividade en Galicia dispoñen de páxina web”, unha proporción
que no caso das microempresas descende a unha de cada tres, “malia
que medraron 5.1 puntos fronte ao 3.5 da media estatal”, engádese.
No caso das grandes empresas que teñen actividade en Galicia, esta
porcentaxe subiu 6,8 puntos, “converxendo coa conxunto do Estado”,
apúntase no informe.
Por outra banda,
detállase que nove de cada dez empresas de 10 ou máis empregados
interactúan coas Administracións a través de Internet. Nun plano
máis específico, o informe sinala que tres de cada catro empresas
galegas de 10 ou máis traballadores con conexión a Internet
realizan declaracións de impostos a través da Rede, “experimentando
un crecemento de 7 puntos no último anos”. No caso das
microempresas, a porcentaxe sitúase no 40,5%.
Respecto do comercio
electrónico, infórmase que o 20,6% das empresas de 10 ou máis
traballadores con actividade en Galicia venderon a través de
Internet. Nas empresas de 0 a 9 empregados o valor sitúase no 4,6%.
“Nas microempresas”, engádese, “o medre da venda en liña foi
de 2,4 puntos porcentuais, duplicando o dato do ano anterior e
superando lixeiramente a media estatal”. E apúntase: “Nas
empresas de 10 ou máis traballadores, o crecemento foi de máis de 4
puntos e, tamén se sitúan por riba da media estatal”.
Respecto das conexións,
o informe recolle que a práctica totalidade das empresas galegas de
10 ou máis traballadores ten acceso a Internet contratado; mentres
que nas microempresas esta porcentaxe é dun 62,7%. Nun plano máis
detallado, catro de cada dez microempresas con conexión á Rede
teñen contratado velocidades de acceso a Internet maiores a 10 Mbps,
2 puntos máis que o ano anterior. Segundo se apunta no informe, máis
da metade das empresas de meirande tamaño xa dispoñen de
velocidades superiores aos 10 Mbps. A investigación salienta que “ao
redor do 10% destas xa conta con velocidades ultrarrápidas
superiores aos 100 Mbps”, e que o acceso a Internet a través de
banda larga móbil “xa está presente en tres de cada catro
empresas galegas de 10 ou máis traballadores”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario