O presidente e o secretario do CPETIG, Marcos Mata e
Juan Luis Miguéns, respectivamente, tiveron
na mañá do pasado martes unha xuntanza coa secretaria xeral da
Igualdade, Susana López Abella, na que se avaliaron posíbeis
vías de colaboración entre ámbalas partes. O obxectivo do
encontro, que
se suma ao dos compañeiros do CPEIG que tamén se celebrou esta
semana, foi sentar os alicerces de accións vindeiras orientadas
a favorecer o uso responsábel e en condicións de igualdade das
novas tecnoloxías da información entre a poboación moza de
Galicia.
Para iso, fixeron saber, contémplase a marcha
accións conxuntas para corrixir a suba da discriminación de xénero
que está a experimentar a nosa sociedade nos últimos anos e que vén
constatada por unha manchea de investigacións recentes, moitas das
cales atenderon directamente ao emprego que lle dan as novas
xeracións ás novas tecnoloxías (nas que se reflicte en detalle o
incremento dos estereotipos e dos factores que inducen á
discriminación).
Segundo lembrou o CPETIG, entre os estudos máis
salientábeis e referenciais atópase o presentado a principios de
ano polo Ministerio de Sanidade e no que se amosa que case unha de
cada tres persoas novas considera “aceptábel en ocasións” ou
“inevitábel” actitudes directamente ligadas ao machismo como
controlar as relacións con amigos e familiares ou os horarios da
parella.
O CPETIG, como recordaremos, tense significado moito
contra a discriminación e a fenda de xénero dixital na nosa terra,
tal e como
o evidencia o seu informe recente sobre a matriculación feminina en
informática nas nosas universidades. No seu estudo, entre outros
datos, faise saber que a participación das mozas nos ditos ámbito
de estudo baixou do 26% ao 14% nos nosos campus ao longo dunha
década. Segundo apuntou daquela a entidade profesional que preside
Marcos Mata, nos últimos dez anos tense producido un importante
descenso da presenza de alumnas no Grao en Informática nas tres
universidades de Galicia (hoxe estamos na devandita taxa do 14%), cun
rango que oscilou entre as cifras da Universidade de Vigo, que
andaban hai dez anos a rentes do 30%, e a taxa amosada hoxe pola
devandita carreira na Universidade de Santiago, unha taxa de
matriculación que rolda o 12%.
Ningún comentario:
Publicar un comentario