venres, 13 de marzo de 2015

A creatividade feminina faise cos seis premios de 'Lingua de namorar', o certame para dinamizar o galego na mocidade

  • O xurado vén de concederlles os premios establecidos nas bases ás seis mozas autoras das mensaxes elixidas de entre as 50 máis votadas no concurso, polo grao de elaboración, orixinalidade e calidade lingüística das declaracións de amor que presentaron
  • A terceira edición do concurso contou coa participación de preto dun milleiro de mozos e mozas que enviaron as súas mensaxes e votaron durante as tres semanas nas que se desenvolveu 'Lingua de namorar'
  • A Lei de Xuventude de Galicia establece a promoción do uso da lingua propia de Galicia como eixo prioritario da acción de Goberno
As Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a de Traballo e Benestar, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, respectivamente, fan pública hoxe a resolución da terceira edición do certame de declaracións de amor na rede Lingua de namorar, cuxos seis premios recaen en seis mozas autoras das mensaxes elixidas polo xurado de entre as 50 máis votadas, polo grao de elaboración, orixinalidade e calidade lingüística.
Así, na categoría a, de 14 a 19 anos, resultou gañadora do primeiro premio Marta Gómez Martín (Pontevedra), coa mensaxe “Atea”; a gañadora do segundo premio foi Saray Díaz Canosa (Narón), pola mensaxe “Ego”; e a gañadora do terceiro premio foi Sabela Domínguez Souto (Verín, Ourense), pola mensaxe “O meu ritmo”.
Na categoría B, de 20 a 35 anos, Aitana Iglesias Márquez (Narón, A Coruña), gañou o primeiro premio coa mensaxe “Polos opostos”; o segundo premio recaeu na mensaxe “Sentimento metereolóxico” de Sonia Varela García (Arteixo, A Coruña), e o terceiro premio foi para a mensaxe “Así”, de María J. Chao Sánchez (Ares, A Coruña). Nas súas deliberacións, o xurado –que estivo presidido pola escritora Yolanda Castaño- tivo en conta o grao de elaboración das mensaxes, a orixinalidade e a calidade da lingua. As mensaxes gañadoras pódense ler na páxina do concurso http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar.html.
Preto dun milleiro de mozos e mozas participaron en ‘Lingua de namorar’ durante as tres semanas nas que se desenvolveu o concurso, ben enviando mensaxes, ben como votantes. O prazo de participación estivo aberto do 22 de febreiro. A partir desta data, os usuarios e usuarias puideron votar polas súas mensaxes favoritas ata o 27 de febreiro.
A Lei de Xuventude de Galicia, aprobada na pasada lexislatura, establece a promoción da lingua galega como un eixo prioritario da acción de Goberno. Ademais, o Plan estratéxico de xuventude de Galicia 2014-2016 contempla 11 medidas para fomentar o uso do galego nos distintos ámbitos sociais, en consonancia coa aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que recolle entre os seus obxectivos o de impulsar o uso do idioma propio de Galicia entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.

Buscar

Ningún comentario:

Publicar un comentario