A Universidade de Vigo vén de recibir a
autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea, AESA,
para levar
a cabo traballos de voos con vehículos non tripulados, drons.
Entre outras cousas, isto significará que a institución académica
poderá darlle “un pulo substancial” ao aparello que adquiriu o
ano pasado e que até o de agora se estaba a probar nun campo
lindeiro coas dunas da praia da Lanzada. Este vehículo, de dous
quilos de peso e con capacidade para percorrer distancias de arredor
de 16 quilómetros (de xeito automático mais cunha ruta GPS
planificada polo piloto), forma parte da Unidade de Detección Remota
do Centro de
Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación, CACTI, da
Universidade de Vigo. Esta, en virtude do devandito recoñecemento da
AESA, será a primeira institución educativa superior do Estado en
estar autorizada para desenvolver probas aéreas con drons.
O recoñecemento, sinala a UVigo, é “un requisito
obrigatorio que marca a diferenza entre os robots destinados a
realizar actividades aéreas e os aeromodelos, ou aeronaves
destinadas ao lecer”. E engade, explicando a diferenza entre un
aparello e outro: “Un aeromodelo é un robot voador, unha máquina
que calquera pode mercar nunha tenda, pero para realizar traballos
aéreos usando unha aeronave non tripulada de xeito legal, cómpre
dispor da autorización da AESA”. A explicación vén da man de
Ramiro Álvarez, responsábel do Servizo de Detección Remota do
CACTI, que é tamén o piloto do devandito aparello e director de
Operacións de Formación/Mantemento. Ao seu xuízo, resulta “moi
positivo que a Universidade de Vigo sexa a primeira institución
académica en acadar a autorización da axencia xa que, ser a
primeira significa estar só, é dicir ausencia de competición e
aínda que hai numerosas operadoras privadas, o seus prezos son
demasiado altos para investigadores universitarios, mentres que o
CACTI dispón de tarifas simbólicas moi baixas, que son totalmente
accesíbeis para o persoal investigador”.
Por certo que o devandito dron da Universidade,
entre os seus cometidos e funcións ten os seguintes: traballos de
Investigación e Eesenvolvemento (I+D); fotografía, filmacións e
levantamentos aéreos e investigación e recoñecemento instrumental
que inclúe calibración de equipos, exploración meteorolóxica,
marítima, xeolóxica, petrolífera ou arqueolóxica e enlace e
transmisións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario