luns, 16 de marzo de 2015

O xadrez podería ser materia de currículo de Primaria e ESO

O Grupo Parlamentario do PPdeG súmase á implantación do xadrez como materia curricular nos cursos de Primaria e a ESO, e empurra a Xunta para que Galicia tamén se sume á potenciación deste deporte e leve a cabo as "medidas necesarias" para "afondar" na súa "presenza" nos centros escolares.
Os populares galegos presentaron unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que instan á Xunta a aumentar o xadrez nas escolas a través do "fomento de proxectos de innovación educativa, o impulso da formación do profesorado e o desenvolvemento de recursos e metodoloxías".
Así, o obxectivo é "a progresiva implantación desta disciplina con carácter transversal ou específico" tanto en Primaria coma na ESO, para o que se deberá ter en conta "os proxectos educativos dos centros".
Esta iniciativa tamén se encadra en recomendacións da declaración do Parlamento Europeo na que se instaba á introdución do xadrez no colexio, un documento "baseado en evidencias científicas" como a "mellora da concentración, a paciencia e a persistencia e a axuda que pode supoñer para a creatividade".
Os populares, que consideran que a Lomce abre "oportunidades" para a implantación desta materia, tamén recordan que a propia Unesco, en 1995, recomendou a introdución do xadrez nos programas escolares. A iso hai que sumar que hai uns días, o pasado 11 de febreiro, o Congreso dos Deputados tamén aprobou por unanimidade unha iniciativa, a instancias do PSOE, para a implantación do xadrez nos colexios e espazos públicos.

TRADICIÓN EN GALICIA

En Galicia, está práctica ten unha longa tradición e unha implantación nos colexios bastante estendida, tanto como actividade extraescolar, como ferramenta educativa, para traballar en proxectos educativos interdisciplinares.
De feito, a Consellería de Educación xa subscribiu un acordo co Concello de Redondela para implantar un proxecto de xadrez no colexio, que está apoiado e auspiciado pola Unión Europea de Xadrez.
Ademais, o departamento autonómico asinou un memorando de entendemento con esta entidade para establecer un marco de colaboración para o intercambio de ideas e métodos para promover o ensino de xadrez nos centros de educación primaria e de educación secundaria en Galicia.
Fontes da Consellería de Educación consultadas por Europa Press explicaron que o departamento autonómico xa conta con materiais desenvolvidos en galego e manifestaron "o apoio" da Xunta a esta iniciativa "está asegurado", aínda que aínda non se poden avanzar prazos.

MELLORA A CONCENTRACIÓN

Os expertos non dubidan dos beneficios do xadrez e consideran que implantar esta disciplina de forma obrigatoria en todos os niveis de Educación Primaria podería axudar a reducir o abandono escolar, segundo as estimacións da Federación Española de Xadrez (FEDA). A extrapolación é un estudo realizado "hai anos" pola institución, a partir dos datos das escolas que xa aplicaban o ensino deste xogo entre os seus estudantes.
Ata agora, en torno a un millar de colexios en España ofrecían Xadrez como materia optativa, aínda que sumadas ás que o ofrecían como extraescolar son "un mínimo de 3.000", segundo explicou a Europa Press o director técnico da Federación Española de Xadrez, Ramón Padullés.
Os estudos realizados ata a data "lograron demostrar que o Xadrez mellora nun 17% o rendemento en matemáticas e lecturas pouco tempo despois de empezar" a "xogar".
Segundo o seu director técnico, este exercicio, practicado por nenos de idade temperá, "favorece un desenvolvemento máis rápido da intelixencia, un mellor desenvolvemento do seu grao de madureza e, indirectamente, ten beneficios para o aproveitamento mellor e máis claro doutras materia, como poden ser as matemáticas, a comprensión lectora, a visión espacial,".
"Á parte, fórmalles anticipadamente o carácter en canto a toma de decisións e saber perder, que é moi importante, e saber analizar por que se perdeu", asegura.
Neste sentido, explica que o "ideal" é que a aprendizaxe do xadrez se inicie aos 6 anos (primeiro curso de Primaria) e continúe ata o termo deste nivel de estudos (aos 11 anos).
"Nós entendemos que, depende do grao de madureza que vexa nos nenos cada profesor e cada centro, a partir dos catro anos xa se podería empezar, pero a idade ideal son seis anos", puntualizou.

PRIMEIRAS ETAPAS

Para o ensino do xogo, nas primeiras etapas non é necesario que os nenos se senten fronte a unha mesa e vinga "un adestrador dos de verdade a ensinarlles estratexias". Pola contra, Padullés estima que o mellor é "facer que o vexan como un xogo". "Primeiro que entendan o que son as verticais, horizontais e diagonais, logo que coñezan cada peza, debúxena... Logo xa se desenvolve un pouco máis e que sexa algo progresivo", indicou.
Para o directivo da federación, estase a producir un "auxe do Xadrez" (do que a iniciativa do Congreso forma parte) dende que a Comisión Europea decidiu impulsar esta disciplina como unha ferramenta eficaz para o sistema educativo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario