A Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) reclamou que se
suprima o galego como criterio de baremación á hora de obter subvencións
públicas para cursos dirixidos a formar persoas no paro.‘’É un absoluto
desprezo polo galego e, xa que logo, por Galiza’’, sinalou o presidente
da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira.
Segundo sinalaron desde a entidade en defensa da lingua, “esta mostra
de autoodio que manifestaron desde a patroal, é indicativo do desprezo
que teñen tamén pola súa propia actividade empresarial se é que a fan en
Galiza”, e animou á CEG a mudar de actitude “porque o desprezo por un
mesmo non é boa carta de presentación en ningún sitio, nin en Galiza nin
no mundo”.
O presidente da Mesa indicou que “se desde a Confederación de
Empresarios detectan eivas na formación, poden comezar por sumarse a
todos os colectivos que exixen a readmisión inmediata do profesorado
CELGA despedido ilegalmente, porque este profesorado é imprescindíbel
para a formación lingüística de adultos”.
Por fortuna, sinalou Maceira, “non todo o empresariado despreza o seu
País e a súa lingua. Hai empresariado en Galiza que ve no galego unha
marca de calidade e de respecto por si mesmo e pola súa clientela”, e
puxo como expemplo ás 90 empresas que participan do proxecto Abertos ao Galego,
da Mesa pola Normalización Lingüística. “E fano por convecemento no que
fan, porque confían na potencialidade da lingua, e sen ningún tipo de
interese”, engadíu, para sinalar a continuación que, malia o rexeitar o
galego, a CEG non tivo problemas para recibir até 2012 axudas destinadas á normalización lingüística.
Ningún comentario:
Publicar un comentario