mércores, 25 de marzo de 2015

A CIG-Ensino exixe ao Ministerio e á Consellaría a retirada do Decreto 3+2 tras do “contundente” rexeitamento da comunidade universitaria

Profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos secundaron de forma masiva a folga e participaron nas manifestacións convocadas nas sete cidades galegas.

Compostela, 24 de marzo de 2015.- A CIG-Ensino, organización maioritaria no sistema universitario galego, valora moi positivamente a “contundente” mostra de rexeitamento da comunidade universitaria galega no seu conxunto ás políticas educativas do Partido Popular. Subliña que tanto o estudantado, como o profesorado e o persoal de administración e servizos sumáronse masivamente á folga e participaron nas mobilizacións convocadas en toda Galiza e considera que tanto o goberno como a Consellaría de Educación deberían “tomar nota” e mudar a súa política de recortes no ámbito universitario retirando de inmediato o decreto 3+2.

Galería de fotos
Así o valorou o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, á saída da manifestación convocada en Compostela, onde lembrou que con este decreto degrádanse os estudos universitarios na medida en que se pretende reducir a súa duración a tres anos, co que se terá unha formación insuficiente que fará imprescindíbeis os dous anos de mestrado para ter a cualificación necesaria.

Ao seu entender isto encádrase na política do PP de “recortar servizos públicos, desmantelar e privatizar a educación e imposibilitar o acceso á universidade das clases populares”. Unha política que, lembrou, comezou no seu día co incremento das taxas das matrículas, a redución da cantidade e contía das bolsas e que agora continúa con estoutra medida que incrementa os custos, xa que unha matrícula de mestrado pode chegar a triplicar o custo da de Grao.

Xunto a isto, Louzao denunciou a pretensión de modificar o acceso á función docente cun sistema de acreditación do profesorado menos transparente, menos imparcial e menos obxectivo que, alertou, “vai supor unha menor calidade” e a flexibilización dos requisitos para a creación das universidades privadas. “No fondo, o interese está en favorecer as universidades privadas fronte ás públicas, na medida en que xa neste momento a oferta, en termos relativos, é moito maior na privada que nos propios graos”, asegurou.

O secretario nacional da CIG-Ensino salientou ademais que no caso de Galiza a situación é especialmente preocupante pola falta de financiamento que padecen as universidades xa que “os orzamentos dos que dispoñen están moi lonxe da porcentaxe do PIB que se debería dedicar e non cobre sequera as súas necesidades estruturais”, sinalou.

Para constatar esta situación, lembrou que nos últimos 5 anos as universidades galegas deixaron de percibir 86 millóns € e que coa aplicación das taxas reposición cero hai máis de 1.200 investigadores e investigadoras  menos e 350 profesores/as menos, o que se corresponde cunha redución de preto do 8% do cadro de persoal das universidades. “Iso leva consigo un deterioro na propia calidade do ensino, unha precarización do profesorado e que haxa áreas ou materias que se deixaron de impartir por falta de profesorado. Constatouse que diferentes graos, polo número mínimo de alumnado que establece a administración educativa, non puideron impartirse”.

Para Louzao, diante desta situación “é preocupante que a consellaría de Educación, no canto de se enfrontar a estas reformas que leva a cabo o goberno central de forma unilateral, co rexeitamento absoluto das organizacións sindicais, estudantís e mesmo as e os reitores, permaneza calada mentres camiña cara a liquidar a universidade pública galega”.


Ningún comentario:

Publicar un comentario