luns, 9 de marzo de 2015

Os usuarios de Android xa poden gozar das chamadas de voz a través de WhatsApp

Dende WhatsApp pretendían lanzar un servizo de chamadas de voz a través de IP dende a súa aplicación antes de rematar o ano pasado, pero este proxecto a través do que queren trasladar o éxito substituíndo as mensaxes de texto e multimedia ás chamadas está a resultar moito máis dificultoso do que era de prever, e tras un par de breves períodos de tempo nos que permitiron realizar probas a un grupo reducido de usuarios, hoxe dá a impresión de que abriron definitivamente a billa á activación deste novo servizo en dispositivos con Android.
Agora, os usuarios que teñan instalada a última versión de WhatsApp para Android (descargada da páxina web da compañía), verán como se activa o servizo de voz a través da aplicación con só recibir e contestar a unha chamada deste tipo. A partires dese momento, a aplicación permite realizar chamadas de voz a través de rede de datos, para o que presenta unha icona dun teléfono, á vez que tamén muda a interface da aplicación, de xeito que agora divide os contidos en tres fichas: chamadas, chats e contactos.
A sección de chamadas é un histórico de comunicacións realizadas e recibidas mediante a funcionalidade de voz sobre IP, mentres que o resto de fichas son as seccións habituais da aplicación.
Polo momento as chamadas só poden realizarse entre usuarios que teñan instalada a última versión de WhatsApp para Android, quedando fóra deste proceso de probas o resto de sistemas operativos móbiles e, en vista do decepcionante que están a resultar estas comunicacións de voz (que presentan unha calidade sonora moi inferior a outras aplicacións semellantes como Viber, LINE ou Skype) parece claro que o servizo está a empregar aos usuarios máis impacientes como coelliños de indias, para que proben intensivamente a nova funcionalidade e así poder pulila de cara á súa estrea oficial, que debería chegar en poucas semanas, xa que o servizo xa está a padecer un importante adiamento con respecto á súa data de lanzamento inicialmente prevista.
Sobre o impacto que podería ter este servizo nas tarifas de datos dos usuarios, as primeiras probas realizadas apuntan a que cada chamada podería xerar entre 0,5 e 0,75 MB de datos por minuto, o que sería un consumo de datos moderado, especialmente se consideramos que non é de prever que os usuarios de WhatsApp sexan grandes consumidores de chamadas de voz a través de datos, xa que é un tipo de comunicación que foi perdendo peso nos últimos meses, de xeito que as chamadas de VoIP poderían verse non como uns substitutos das chamadas de voz, senón para axilizar chats de texto en momentos puntuais.
De todos os xeitos, a expectación ao redor do novo servizo é moi grande, o que resulta un tanto rechamante, xa que existen numerosos servizos alternativos, dando a impresión de que WhatsApp pode aproveitar a súa impresionante cota de mercado para poder dominar a VoIP pese a ser o último competidor en chegar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario