Cultura que nos Une é unha rede de persoas e entidades para o encontro de Galiza e Portugal. Unha xornadas en maio e xuño en Amarante e A Coruña botan a andar a iniciativa.
En Cultura que nos Une participan entidades das dúas bandas do Miño, asociacións que se teñen destacado en contribuír á relación cultural entre Galiza e Portugal como a Fundación Vicente Risco, Ponte nas Ondas ou AGAL entre as galegas e Museu Bernardino Machado, Casa Museu de Monçao, Tertúlia ou Ecomuseu nas portuguesas. O seu obxectivo é “compartir e intercambiar manifestacións e expresións da cultura galego-portuguesa”, consonte o espírito da Lei Valentin Paz-Andrade aprobada en abril do pasado ano no Parlamento Galego.Con este obxectivo, a iniciativa bota a andar cun programa de actividades que se desenvolverán en Amarante e A Coruña, a primeira por ser a casa de Teixeira de Pascoaes, unha das figuras de máis predicamento na intelectualidade galega do seu tempo, e a segunda por estar nela a sede da Real Academia Galega. A Amarante dirixiranse Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Arturo Lezcano e Pilar García Negro para participar na mesa redonda “A intelectualidade da Galiza e do Norte de Portugal”, no mes de maio. Á Coruña chegarán Norberto Cunha, Paulo Vieira de Castro, Paulo Samuel e Gaspar Martíns para intervir na sede da RAG, na mesa “As relacións intelectuais entre Galiza e Norte de Portugal” en xuño. En ambos dous encontros o programa completarase con exposicións, recitais poéticos, presentacións de proxectos, encontros de artistas e música.
Ningún comentario:
Publicar un comentario