venres, 13 de marzo de 2015

Novo pulo para a dixitalización das aulas de ensino público

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, anunciou un novo pulo á educación pública, cun orzamento adicional no capítulo de investimentos aprobados nas contas de 2015 de 18,4 millóns de euros para dixitalizar todas as aulas desde 5º de primaria e actualizar equipamentos e infraestruturas educativas tanto na Formación Profesional, na Primaria e na Secundaria, tal e como onte xa detallara o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, na súa comparecencia no Parlamento de Galicia.
Feijoo avanzou que a meirande parte do total do investimento previsto (un total de 11,2 millóns) destinarase á dixitalización do 100% das aulas a partir de 5º e 6º de Primaria e a ESO (un total de 2.727) ás que proporcionarase conexión á Internet mediante Wi-Fi, con independencia de que estean nunha zona rural ou urbana, xa que a intención do Executivo galego é “conseguir que todos os nenos e nas galegas independentemente de onde vivan reciban unha educación pública nunha aula dixital”. No tocante a infraestruturas, Feijóo garantiu tamén o esforzo da Xunta para actualizar equipamento e infraestruturas educativas tanto en FP como en Primaria e Secundaria.

Formación Profesional

A Consellería habilita unha partida de 1.020.000 euros a equipamento para a Formación Profesional, da cal se beneficiarán 46 centros e un total de 3.541 alumnos de 118 ciclos formativos. Trátase de dotar estes centros de equipamentos de alto valor tecnolóxico (autómatas, robots, adestradores, simuladores) para o seu uso nas aulas de FP. En total subministrarase un total de 287 unidades repartidas en 24 tipos de equipamentos distintos relacionados coa electricidade e a electrónica, a fabricación mecánica, a instalación e mantemento e o transporte e mantemento de vehículos, entre outros. Unha dotación que resultará fundamental para que os alumnos manexen as últimas tecnoloxías nos seus obradoiros de aprendizaxe, co que acadarán unha maior cualificación para o mercado de traballo.

Infraestruturas

No que atinxe ás infraestruturas físicas, a Consellería investirá un total de 6,1 millóns de euros en obras de ampliación de once centros públicos, e na adquisición do equipamento necesario para estes centros e novos aularios (5,4 nas obras e máis de medio millón de euros en equipamento). Trátase das ampliacións do CIFP de Oroso (Ribeira), do CEIP de Roxos (Santiago), do CEIP Manuel Murguía (A Coruña), do IES Perdouro (Burela), do CEIP Laverde Ruiz (Outeiro de Rei), do IES O Ribeiro (Ribadavia), do IES Losada Diéguez (A Estrada), do CIFP A Xunqueira (Pontevedra), do IES Armando Cotarelo (Vilagarcía de Arousa), e do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra).
Estas actuacións, que dan resposta ás actuais necesidades de demografía, benefician 3.325 alumnos e a través delas créanse un total de 1.035 novos postos escolares.
Doutra banda, cómpre lembrar que a Consellería ten actualmente en execución obras por importe de algo máis de 13 millóns de euros, como son a construción do novo CEIP de Oleiros, os novos IES de Carral e Culleredo, a ampliación do CEIP Monte dos Postes (en Santiago) e da primeira fase do CIFP As Mercedes (Lugo). Así mesmo, atópanse en licitación outros preto de 10 millóns de euros para o novo aulario de infantil do CEIP Otero Pedraio (A Laracha), das fases II e III do CIFP As Mercedes (Lugo), da renovación da cuberta do IES Laboral de Ourense, e do novo IES de Soutomaior (Pontevedra).

Ningún comentario:

Publicar un comentario