mércores, 4 de marzo de 2015

A Consellaría aínda no lles ingresou aos centros o diñeiro correspondente ao gasto dos comedores escolares do segundo trimestre

A CIG-Ensino esíxelle a Educación que faga inmediatamente o ingreso aos centros que prestan este servizo.

A día 2 de marzo, a Consellaría de Educación continúa sen facerlles efectivo aos centros educativos o pago do gasto dos comedores de xestión directa correspondente aos meses de xaneiro e febreiro.

Cabe sinalar que este é un problema que xa xurdiu no primeiro trimestre, non facendo efectivo o ingreso até o mes de decembro, despois da denuncia da CIG- Ensino.

Este retroceso comporta que os centros non poidan pagar aos provedores nun tempo razoábel supoñendo un quebranto para a economía dos mesmos, nomeadamente cando se trata de pequeno comercio local.

O encarecemento, o abandono e a desidia da Consellaría co servizo de comedor escolar é permanente e total. Encareceu e restrinxiu o uso deste servizo non oferta prazas suficientes, retrasou até cinco meses este curso o pago aos colaboradores do servizo, retrasou até decembro o ingreso do diñeiro para os gastos de funcionamento do primeiro trimestre e agora continúa sen ingresar os do segundo cando xa pasaron dous meses.

A CIG-Ensino esixe que a Consellaría de Educación pague inmediatamente as cantidades correspondentes aos comedores escolares de xestión directa, xa que hai centros que non poden facer fronte aos gastos necesarios para darlle de comer ao alumnado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario