xoves, 1 de agosto de 2013

A lingua predominante en infantil fixarase en función da pregunta a pais e ámbito

Os alumnos usarán na aula, con carácter xeral, a lingua de impartición de cada área, materia ou módulo


Os centros educativos serán os encargados de fixar o idioma predominante dos grupos de educación infantil en función do resultado da pregunta "non vinculante" aos pais, o ámbito sociolingüístico e a garantía de equilibrio de ensino e adquisición de coñecementos en galego e castelán. Esta decisión plasmarase nunha addenda anual ao proxecto lingüístico de cada centro.
Así explicouno en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na que informou sobre unha instrución enviada aos centros para adaptar o decreto 79/2010, do plurilingüismo no ensino, ás sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSJG) que anularon parte de dous artigos da citada norma.
Deste modo, o responsable lingüístico explicou que a pregunta ás familias, que se realiza cada ano no momento en que os nenos comecen o seu primeiro ensino no sistema educativo, será "non vinculante" aínda que "si importante", dado que o coñecemento da lingua materna dos alumnos por parte dos centros é un mandato obrigado pola Lei de Normalización Lingüística.
A decisión resolverase en función doutros factores, como a realidade sociolingüística na que se sitúa o propio centro e a necesidade de garantir unha presenza equilibrada das dúas linguas cooficiais de Galicia como vehiculares do sistema educativo, ademais de permitir unha adquisición equivalente en ambos os dous idiomas.
O proceso para fixar o idioma iníciase, en primeira instancia, dende o equipo directivo do centro que a plasmará no seu plan lingüístico, ao que engadirán unha addenda anual onde reflectirán o idioma de cada grupo en infantil. Este proxecto terá que ser aprobado polo Claustro e o Consello escolar do propio centro.
Finalmente, esta addenda remitirase á Inspección Educativa, quen será a encargada de verificar que o proceso se realizou dun xeito correcto.

USO DO IDIOMA NA AULA

Sobre iso, García insistiu en que a pesar da "lingua predominante" de cada grupo sexa castelán ou galego, o obxectivo "último" de cada etapa educativa debe ser a adquisición de competencias e presenza "en igualdade" de ambos os dous idiomas.
En relación ao parágrafo anulado polo TSJG relativo ao uso do idioma na aula, o tribunal ditara que cada alumno terá que empregar a lingua propia de cada materia. "Isto ten que ser así", recoñeceu Valentín García.
Por iso, os estudantes terán que usar na aula "con carácter xeral" a lingua establecida para cada materia e o profesorado buscará que a validación do dominio do idioma "respecte as circunstancias persoais" dos alumnos e se oriente a unha adquisición "en igualdade" das dúas linguas oficiais.
García matizou, aínda así, que a avaliación da materia se realizará tendo en conta os criterios do correspondente currículo, polo que "non" poderán prevalecer criterios de competencia lingüística do idioma vehicular sobre os coñecementos específicos" en cada materia.
"É de sentido común", considerou o responsable de Política Lingüística, quen defendeu que este argumento está avalado "por moitos criterios pedagóxicos".

PROXECTO DE MODIFICACIÓN CELGA

García aproveitou a rolda de prensa para presentar as liñas básicas do proxecto de Orde sobre as validacións do sistema de certificación de lingua galega (Celga) adaptado ao Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas, actualizando a normativa tras seis anos dende a súa posta en marcha.
Esta nova normativa incluirá modificacións para prestar "especial atención" a aquelas persoas que presenten unha determinada porcentaxe de minusvalidez física ou psíquica, que poderán acceder a exames con condicións específicas, pero respectando os mesmos parámetros de avaliación e esixencia.
Segundo exemplificou García, sería o caso dunha persoa que presente unha porcentaxe elevada de minusvalidez auditiva e que podería quedar exento das probas de comprensión oral. Para iso, os interesados en participar nas probas con estas novas condicións terán que certificar a súa minusvalidez e comunicar o apoio que necesitarán para a realización dos exames no momento de presentar solicitude para a convocatoria.
Outro dos cambios incluídos será o recoñecemento do nivel Celga correspondente para aqueles alumnos que cursaran estudos no exterior en centros con programas educativos homologados con impartición garantida en lingua galega. Entre eles, están aqueles adscritos ao Protocolo de Colaboración entre Galicia e Castela e León nas bisbarras Del bierzo e de Sanabria, xunto cos institutos Vicente Cañada Blanch de Londres e Santiago Apóstolo de Bos Aires.
Trátase, segundo destacou Valentín García, dunha "vella reivindicación" das colectividades galegas no exterior e asociacións de profesores de galego "dende hai anos", e que reforzará a proxección exterior do idioma.
O terceiro punto incluído na Orde adapta as validacións Celga á formación plurilingüe do alumnado, de modo que os estudantes que superen un curso de ESO ou de Bacharelato no estranxeiro, sempre que este non sexa o último da etapa educativa, poderá solicitar acreditación oficial dos Celga 3 e 4, respectivamente.

EXENCIÓN DA MATERIA

Finalmente, Valentín García informou dunha Orde aclaratoria sobre a exención da materia de lingua galega, ante a peticións efectuadas. Así, esta "non" varía respecto á situación anterior", de modo que terán dereito de exención de exames aqueles alumnos que veñan de fóra pero "non aqueles que se reincorporen" ao sistema educativo. Esta exención duraría "un máximo de dous anos".
O secretario xeral de Política Lingüística destacou que a Xunta cumpre "con ao máis estrita legalidade", garantindo "o equilibrio" entre linguas e "buscando o consenso" e a "igualdade de oportunidades.
Así mesmo, avanzou que explicará todas estas modificacións en sede parlamentaria nunha comparecencia xa solicitada e que está prevista para o mes de setembro.



Ningún comentario:

Publicar un comentario