Tras varias aperturas durante tempo limitado do proceso de
integración de novos usuarios ao servizo de chamadas de voz a través de
WhatsApp en dispositivos con Android, finalmente a popular aplicación de correo
instantáneo activou esta agardada funcionalidade que permite facer chamadas a
través de redes de datos para todos os usuarios de Android, de xeito que para
gozar da mesma só precisan ter a última
versión da aplicación.
Non son poucos os que levan semanas facendo uso das chamadas de voz a través de
WhatsApp, que na súa captación progresiva de usuarios estaría buscando escalar
os seus sistemas para un uso masivo, e finalmente parece terse conseguido tal,
polo que é de agardar que nas vindeiras horas esta plataforma de VoIP pase a
converterse nunha das máis usadas do mundo ante a popularidade da súa
aplicación, pese a ofrecer unha calidade sonora claramente inferior á doutras
ferramentas competidoras.
No caso de usuarios de iPhone e Windows Phone será preciso agardar uns días
para poder gozar das chamadas de voz, se atendemos ás declaracións de Brian
Acton, co-fundador de WhatsApp, quen asegurou a semana pasada que as chamadas
de voz chegarían a iOS “nun par de semanas” polo que parece que será
inminente a súa activación. Acton asegurou que levaban un ano traballando nesta
funcionalidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario