Todos os
anos son os anos da Galiciencia, pero 2015 é en boa medida especial.
Por que motivo? Pois
porque se cumpren dez anos da feira, a maior das súas
características (espírito científico, desenvolvedor e innovador da
nosa mocidade) da nosa terra e unha das máis referenciais a nivel
estatal. Para conmemoralo, a entidade responsábel da súa posta en
marcha e desenvolvemento (a Tecnópole, ou sexa o Parque Tecnolóxico
Galicia) preparou
entre outras cousas un espectáculo itinerante que visitará doce
localidades da nosa terra ao longo dos meses que están por vir.
Ao mesmo tempo, convocou un certame para o deseño da mascota oficial
da feira científica. A maiores, está a propia feira en si mesma,
que se celebrará entre o 18 e o 20 de novembro.
Volvendo
aos espectáculos, sinalar que o eixe temático será a luz, por ser
2015 proclamado pola Organización das Nacións
Unidas (ONU), como o Ano Internacional da Luz e as Tecnoloxías
baseadas na Luz. O primeiro espectáculo celebrouse no Parque
Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) o día 4 de marzo. O obxectivo
deste e dos seguintes é basicamente facer ciencia. Ou, mellor dito
aínda: contribuír a facer científicos, a espertar vocacións. E
todo do xeito “máis didáctico e ameno posíbel para os máis
novos”, en xeiras que teñen unha duración de arredor dunha hora e
que contan como aliadas coas profesoras e profesores, “grazas ao
seu esforzo por acompañar ao alumando aos lugares nos que teñen
lugar os espectáculos en horario lectivo”.
En virtude dos espectáculos itinerantes,
Galiciencia pasou así de durar tres días a nove meses, no ano do
décimo aniversario. Ata finais de maio, os eventos estarán no Barco
de Valdeorras e Verín, en Ourense; Monforte, Lugo e Viveiro, na
provincia de Lugo; Ribeira, Padrón e Betanzos, na Coruña; e
Pontevedra, A Guarda e Silleda, na provincia de Pontevedra. En todas
as ocasións serán expostas as bases da Galiciencia para animar a
participar a todos os colexios cos seus proxectos.
Desde mediados do mes de abril até final de curso
organizaranse tamén unha ducia de cursos especializados para
profesores en centros de toda a nosa xeografía, co obxectivo de
capacitalos no método científico, de maneira que poidan apoiar aos
seus alumnos na preparación de proxectos para participar tanto na
Galiciencia coma noutros certames.
Respecto ao espectáculo celebrado o 4 de marzo,
asistiron 400 escolares de varias localidades de Ourense e xirou,
coma todo o programa, arredor da celebración do Ano Internacional da
Luz. Entre moitas outras cousas, os divulgadores científicos David
Ballesteros e Carlos Pérez amosaron na práctica os fundamentos dos
fogos artificiais, que se acadan mesturando diferentes metais (bario,
potasio, etc.) para lograr diferentes lonxitudes de onda e, en
consecuencia, diferentes cores. Ademais, explicaron porqué un raio
láser pode atravesar o aceite de oliva pero non o refresco de cola.
E tamén grazas ao láser puideron proxectar unha pinga de cuspe tan
aumentada que se podían apreciar as bacterias presentes nela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario