A central nacionalista empraza a Consellería a que non aplique as revalidas e que recorra o decreto que as regula por invadir competencias. Pide ao profesorado que non colabore con estas probas. O BNG exixe no Congreso a Wert que retire o decreto.
A CIG-Ensino presentou unha emenda á totalidade perante a Permanente do Consello Escolar do Estado para reclamar a retirada das coñecidas como ‘Reválidas’, o Proxecto de Real Decreto polo que se regulan as probas da avaliación final de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e de Bacharelato.As reválidas son, di a central nacionalista, "un dos elementos máis nocivos da LOMCE", que prescribe que para obter a titulación na ESO e no Bacharelato “é requisito imprescindíbel superar estas probas, o que significa poñer as maiores trabas posíbeis á continuación dos estudos”. A CIG considera que a única razón de ser desta medida é a de servir a unha “concepción totalmente clasista e elitista da educación”. As reválidas van supoñer discriminación social, así como un menosprezo da profesionalidade do profesorado, “xa que o seu traballo está posto en cuestión na medida en que o resultado da avaliación continua -ferramenta indispensábel para coñecer e ter a información necesaria da evolución do alumnado- deixa de ter valor fronte aos exames de reválida”.
Ademais, prosegue a CIG;, a proposta do Ministerio “invade de xeito flagrante as competencias das diferentes administracións educativas” e é “unha proposta centralista e uniformizadora”.
A CIG-Ensino propón ao profesorado que “non colabore nin na aplicación, nin na corrección das probas, para así expresar o noso rexeitamento a unha medida que vai afondar nas desigualdades e na redución de oportunidades para o alumnado”.
Iniciativa do BNG no Congreso
A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar e unha proposición non de lei na que insta ao Ministro de Educación a paralizar o proxecto de Real Decreto polo que se regulan as probas de avaliación final de Educación Primaria, Secundaria e de Bacharelato, as reválidas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario