Información da Mesa Sectorial do 7 de abril.
Este martes lugar unha reunión da Mesa
Sectorial Docente en que, entre outras cuestións, se tratou a Orde de
convocatoria de formación en linguas estranxeiras (PIALE), unha orde que
só oferta 140 prazas, cando no ano 2011 foran 325. Correlativamente,
reduciuse o orzamento en relación ao ano 2011 nun 50%, sendo neste curso
de 453.000 €. A CIG-Ensino denunciou que esta orde segue sendo un
instrumento para os obxectivos políticos do PP, exclusivamente
interesado en formar o profesorado en lingua inglesa para potenciar os
centros plurilingües e as seccións bilingües, e non na adquisición de
maior competencia en linguas estranxeiras para o conxunto do
profesorado.
A CIG-Ensino considera que a oferta presentada pola Administración non dá cumprimento á Iniciativa Lexislativa Popular de potenciación do portugués, ILP Paz Andrade aprobada no Parlamento, nin se corresponde cos anuncios propagandísticos feitos polo Presidente da Xunta. Ao mesmo tempo a Consellaría non valora, para acceder a este tipo de formación, o profesorado que a imparte, o profesorado de galego.
A CIG-Ensino defendeu que no acceso tivese prioridade o profesorado que nunca puido realizalos, en todo caso, conseguimos que se incrementase a puntuación recollida no baremo para o profesorado que nunca participou.
Formación Profesional
Na Mesa de hoxe tamén se trataron varios currículos de diferentes ciclos formativos de FP, adaptados á LOE. A CIG-Ensino denunciou o atraso co que a Consellaría está a desenvolver os currículos de FP e e a falta de oferta de todos eles no ensino público. Neste sentido temos que lamentar a afirmación realizada pola Consellaría de que a titulación de Hípica non será implantada na pública, e que o ciclo se traía á Mesa para atender a petición dun centro privado. A CIG-Ensino reclamoulle á Consellaría que rectifique sobre a implantación do ciclo de Integración Social e que atenda as peticións dos centros que o solicitaron no seu día e non lles foi concedido, mentres si se implantaba nun centro privado concertado que segrega o alumnado por sexo.
A CIG-Ensino volveu reclamar que nos currículos de FP se exprese que módulos deben ser impartidos en galego, para facer efectivo que a metade destes, como mínimo, deben ser impartidos na nosa lingua. Ao mesmo tempo a CIG-Ensino denunciou a ausencia de materiais na nosa lingua, o que tivo que ser recoñecido pola Administración, quen manifestou que estaba en proceso de publicación de materiais en galego para diferentes módulos de FP a distancia.
En Rogos e preguntas, entre outros temas, a CIG-Ensino esixiu que se adíe a aplicación da LOMCE en Secundaria para non reproducir a chambonada deste curso coa aplicación en Primaria. Ademais pediu aclaración sobre como tiña previsto a Consellaría realizar a proba xeral de avaliación individualizada en 3º de Primaria, ao que a Consellaría respondeu que sería unha proba similar á de avaliación de diagnóstico e que a corrixiría profesorado do mesmo centro, aínda que non o que lle imparte docencia ao alumando.
A CIG-Ensino
esixiu a readmisión do profesorado CELGA,
de acordo coas máis de 30 sentenzas do Social e 4 do TSXG gañadas pola CIG e
que reiteradamente declaran nulos estes despedimentos, ao aprezar os distintos
tribunais que estamos ante despedimentos por represión sindical.
Esiximos a
inmediata execución da sentenza do TSXG sobre o Concurso Xeral de Traslados, así como a apertura de
negociacións para acordar o baremo que debe rexer nas próximas convocatorias.
En relación con isto, esiximos que de maneira excepcional, este curso, poida
participar na elección de destinos provisionais o profesorado definitivo que se
viu privado de participar no Concurso Xeral de Traslados.
A CIG-Ensino
reclamou a execución inmediata da sentenza firme do Contencioso Administrativo
de Pontevedra que obriga á Consellaría a restituír no seu posto de director do IES da Illa de Arousa ao profesor ilegal e
inxustamente apartado do seu cargo.
A CIG-Ensino
esixiu a retirada da circular que limita o uso dos materiais audiovisuais na actividade docente e denunciou a
mercantilización do uso destes materiais pedagóxicos ao acordar cunha empresa
privada o cobro dun imposto pola súa utilización, con cargo aos reducidos e
raquíticos orzamentos dos centros. A CIG-Ensino esixiu a total gratuidade do
uso destes materiais audiovisuais, como ferramenta imprescindíbel que son no
traballo docente.
CIG INFORMA coa información e a posición da CIG-ENSINO sobre a convocatoria do PIALEACCEDE DESDE AQUI A TODA A INFORMACIÓN DA MESA SECTORIAL
Ningún comentario:
Publicar un comentario