Estudantes das 3 universidades de Galicia chegan á fase final do certame organizado por GCiencia co patrocinio da Fundación 'La Caixa'.
A segunda edición do Premio Universitario “la Caixa” de Comunicación Científica entra na súa fase final tras unha alta participación e destacando pola calidade das propostas presentadas. O certame, que organiza GCiencia, a web da ciencia galega, co patrocinio da Fundación La Caixa, permitirá achegar a investigación en Galicia desde a perspectiva dos alumnos das facultades de comunicación das tres universidades galegas.Tras unha enorme participación, o xurado decidiu desta volta elixir 16 propostas xornalísticas que pasan á fase final do certame. Estes traballos serán publicados por GCiencia e un deles será o gañador desta segunda edición do premio, que na edición do 2014 gañou Lidia Dosil, da UVigo. Haberá un segundo e terceiro premios. E todos os finalistas recibirán un diploma acreditativo.
O xurado elixiu os 16 finalistas, que presentaron temas de gran interese e actualidade
A calidade das propostas de reportaxes e contidos presentadas
xustifica a designación de 16 finalistas, que abordarán un amplo abano
de disciplinas científicas con temas da máis vixente actualidade.
Investigacións feitas en Galicia sobre Alzhéimer, autismo, xenómica,
cancro, novas enerxías, oceanografía ou novos fármacos atópanse entre os
temas que desenvolverán estudiantes de Comunicación das universidades
de Vigo, A Coruña e Santiago.O obxectivo do Premio Universitario ‘La Caixa’ de Comunicación Científica, que promove GCiencia, é promover a información e divulgación sobre a investigación que se fai nas universidades galegas, impulsar o xornalismo científico e animar ós estudantes universitarios a coñeceren a ciencia nos seus campus.
A Fundación ‘la Caixa’ patrocina un premio que despega na súa segunda edición
O premio conta coa participación das tres universidades galegas -A
Coruña, Santiago de Compostela e Vigo- e está dirixido a estudantes das
facultades de Xornalismo e Comunicación. Xunto á Fundación ‘La Caixa’, colaboran neste premio a Real Academia Galega de Ciencias, a Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e a empresa tecnolóxica galega Primux,
que agasalla aos tres gañadores coas súas tablets de altas prestacións.
O premio ten ademáis unha dotación en metálico de 400 euros para os
gañadores e 100 para o segundo e terceiro premios.Nesta fase final, os participantes seleccionados poderán entregar os seus traballos ata o vindeiro 30 de abril como data límite. GCiencia publicará logo estas reportaxes e un xurado elixirá ó gañador. O xurado estará formado por representantes de La Caixa, as tres universidades, a Real Academia Galega de Ciencias, o Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), e GCiencia.
Os estudiantes e as propostas aprobadas son:
Alberto Paz Calo (UVigo), sobre o grupo Divulgare a as súas accións sobre residuos mariños; Carlos Rey (USC), sobre os estudios de Ángel Carracedo e o autismo; Paula Santos Barbeito (UDC), cun traballo sobre drones para obras de construción; Andrea Oca (USC), cunha reportaxe sobre a anorexia; Raquel Pérez (USC), cunha proposta sobre recuperación de solos; David Fontán (USC), cun traballo multimedia sobre aplicacións científicas con algas; Alejandro Gándara (USC), sobre enerxía ecolóxica a partir de pozos negros; Sabela González (USC), cunha reportaxe sobre cerebro e publicidade; Pablo Vázquez Varela (UVigo), cun traballo sobre o uso de drones en investigación; Alba María Rego (UVigo), sobre a incidencia dunha proteína no cancro de colon; Umá de Oliveira (UVigo), cun traballo sobre paleoceanografía da costa de Galicia; Sara Varela (UVigo), sobre a loita contra o alzhéimer con biosensores; Yasgo Rodríguez (UVigo), sobre o novo laboratorio móbil do Ecimat; Xiana Meda (USC), sobre fármacos do Ciqus contra bacterias resistentes; Ángeles Precedo (USC), sobre os estudios de Carracedo en xenómica da esquizofrenia; e Yago Grela Ojea (USC), sobre a influencia do electromagnetismo na nosa saúde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario