Incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e promover que o usen de xeito habitual. Para iso nace o programa Apego, presente xa en doce concellos do país.
Apego é un proxecto centrado nas accións, nas intervencións concretas que, desde os servizos de normalización lingüística municipais, tratará de facilitarlles ás familias que desexen transmitir o galego o acceso a materiais e recursos nesta lingua. O programa pretende, ademais, dar soporte ás redes entre estas familias e, coa súa axuda, crear outras novas que integren a cada vez máis nais e pais. Deste xeito, tamén se tratará de reforzar a presenza do galego no contorno social dos nenos e nenas: escola infantil, ludotecas, espazos de lecer… Soco García, Conchi Cochón, Nel Vidal e Rosa Moreiras presentaron esta iniciativa no curso de verán sobre dinamización lingüística ‘Traballando en lingua: para a transmisión interxeracional do galego’, celebrado en Carballo. As técnicas e técnicos de normalización lingüística implicados en Apego responderon, en colectivo e por correo electrónico, esta entrevista.Cando presentastes a iniciativa en Carballo, salientastes que a vosa proposta supoñía, entre outras cuestións, traballar con emocións e sentimentos positivos, contar coas responsabilidades individuais e non só colectivas e focalizar a atención nas actuacións e non nos dereitos. Por que este enfoque?
Non hai ningunha dúbida: a lingua é un feito colectivo. Existen responsabilidades públicas e medidas que deben tomarse desde outras perspectivas; cómpre ter en conta os dereitos e os deberes, a lexislación ou o peso do ensino, dos medios de comunicación, da Administración… Non cuestionamos isto en absoluto, mais tamén fan falta xa outro tipo de intervencións. Estamos vendo que os vínculos coa lingua se están debilitando, que cómpre reforzar os falantes de galego para que se manteñan, para que valoren o que teñen e o queiran transmitir, para que sintan orgullo.
Por outra parte, hai ámbitos que todas e todos percibimos como moi persoais, que parecen apartados das normas. Un deles é a lingua que falamos na casa, a lingua en que nos comunicamos cos nosos nenos e nenas. Evidentemente, isto é unha percepción, non unha realidade obxectiva: as escollas lingüísticas máis privadas están tamén condicionadas polos usos sociais, pola valoración que teñan as linguas na comunidade, polos prexuízos… Mais esa percepción existe e, cando estamos vendo unhas cifras moi preocupantes sobre a perda da transmisión, non podemos deixar de lado as intervencións dirixidas a arroupar, a arrequentar eses usos, a dar forza e argumentos a quen fala en galego e dubida se é a lingua en que lles debe falar aos seus fillos e fillas.
Está claro que nese ámbito da crianza, chave para o futuro da lingua, a identidade, o orgullo polas raíces, a responsabilidade individual de cada persoa no seu contexto familiar ou as expectativas dunha vida mellor para os descendentes, son criterios moito máis poderosos que os que se empregan noutro tipo de accións para ámbitos sociais, económicos etc. Buscamos a complicidade das familias, buscamos a sensibilidade coa herdanza recibida, apelamos á conciencia para preservar a biodiversidade lingüística…, e ofrecemos apoio, recursos, redes colaborativas para soster e complementar ese traballo que se realiza no máis próximo, cotián, mesmo íntimo, e que ten repercusións no social e colectivo.
A proposta de intervención foi deseñada desde os servizos de normalización lingüística de varios concellos: Conchi Cochón -do SNL do Concello de Pontevedra-; Nel Vidal -do SNL do Concello de Carballo-; Rosa Moreiras -do SNL do Concello de Ames- e Soco García -da DLG do Concello de Santiago-. Como xorde?
O deseño inicial foi exposto nas xornadas de Carballo por esas catro persoas pero recollemos ideas e experiencias de moitas fontes. Non nos podemos atribuír ser moi orixinais. Quixemos sobre todo elaborar unha proposta realista, realizable no momento actual e desde os servizos nos que traballamos co contexto no que se moven. Sen considerar eses límites, se traballaramos nun proxecto de intervención global, con recursos e vontade política inicial, seguro que o deseño ía ser diferente. Pero pensamos que é moi necesario facer canto se poida, aínda que non sexa todo o que se debería, e facelo xa para que haxa posibilidades de facer algo mellor e máis ambicioso no futuro.
Para mellorar a proposta inicial colaboraron moitos máis técnicos, xa desde as propias xornadas, onde se contrastou con profesorado, nais e pais, educadores en xeral, persoas que traballan ou están interesadas na normalización da lingua. É, pois, unha proposta colectiva, que partiu de traballadores e traballadoras da lingua e se presentou a todos os concellos que teñen servizo de normalización, uns corenta. Unha ducia decidiron participar e, ademais de acollérena desde o punto de vista técnico, as persoas responsables deses servizos lograron que fose considerada politicamente e que se aprobara.
O acordo formal, político, foi recollido nun protocolo de colaboración que marca o camiño para converter unha proposta nunha intervención real. Este protocolo asinárono en Compostela o 23 de marzo alcaldes e concelleiros dos doce municipios (A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo). No futuro poderán sumarse máis e tamén o proxecto medrará creando e apoiando outras redes colaborativas en prol do galego.
Cales son os obxectivos xerais de Apego?
O obxectivo central é incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual. Deste gran propósito desagregamos obxectivos máis específicos que se dirixen a animar as familias para que transmitan o galego e a arroupar ese “apego” que moitas nais e pais lle teñen á lingua cun contexto máis favorable nos espazos e recursos que están presentes durante a crianza ata os 6 anos.
Pretendemos achegar os recursos de todo tipo para que quen opte polo galego o poida facer de xeito máis doado e para converter en axentes normalizadores as familias que o usan implicándoas nas redes que existen ou se creen.. Temos que lograr que os pais e nais galegofalantes entendan que a súa lingua é importante para a vida dos seus fillos e estean orgullosos/as de transmitírllela; conseguir que se coñezan argumentos e razóns fundadas sobre a súa utilidade e importancia e promover reflexións para activar a responsabilidade e o compromiso de todas estas persoas co futuro da lingua e co futuro dos seus fillos e fillas.
Trataríase, así, de transmitir que o galego é útil, e que é necesario mantelo. Con que argumentos? Facía falta, aquí, renovación do discurso?
Quizais non se trate tanto de que o galego é útil senón de que é bo. É bo que coñezamos de onde vimos, é bo manifestar o cariño que temos polos nosos maiores, é bo coidar os nenos e nenas con todo o amor. Por suposto que todo isto é tamén útil -xa está mesmo demostrado cientificamente que unha crianza sen cariño provoca trastornos de aprendizaxe e incluso de psicomotricidade-, pero facémolo porque é bo, non consideramos a súa utilidade.
Algo así ocorre co idioma, cada un co seu. O galego é o noso, é o que nos tocou, o que construíron os nosos antepasados colectivamente, ao que lle temos que ter apego, e ao que nos corresponde contribuír para que teña un desenvolvemento vizoso na actualidade e para que poida contar cun futuro. É bo transmitir o galego.
Formamos parte da humanidade e somos corresponsables do seu patrimonio. Unha parte dese patrimonio común é o idioma, o noso tamén, que é o que e nós como comunidade nos corresponde preservar e enriquecer. As galegas e galegos temos unha obriga co equilibrio ecolóxico das linguas e culturas do mundo. É de xustiza que a exerzamos.
E se somos alguén dentro dese mundo diverso é grazas a que temos unha identidade que nos vincula coa realidade inmediata, coa historia da que vimos, coa maneira de ver o mundo que construímos e seguimos construíndo os galegos e galegas cada día. Ser alguén con identidade propia, contar cunha ferramenta para explicar e entender o mundo desde as nosas raíces e desde a nosa realidade, todos e todas concordaremos que é importante para termos unha vida plena, que é desexable para o futuro dos nosos fillos e fillas.
Por suposto, tamén se tratan outros argumentos máis centrados na utilidade inmediata, como é a vantaxe con que contamos para aprendermos outros idiomas. Está máis que demostrado que as únicas persoas bilingües no noso país somos as que temos o galego como primeira lingua. No contexto en que vivimos é impensable que os nenos e nenas non aprendan o castelán, que entra por múltiples vías con toda a forza. A única garantía de que sexan bilingües é que teñan o galego como lingua inicial. Non debemos, xa que logo, privalas desa vantaxe competitiva para acceder a outros idiomas tamén necesarios.
Na práctica, supón incidir na acción, máis que no discurso: creando redes onde non as haxa e reforzando as existentes, proporcionando materiais e servizos. De que maneira?
Convencendo, sensibilizando, atraendo, enganchando… Estamos na fe de que no ámbito familiar non se reflexionou abondo sobre o que significa termos unha lingua propia; sobre a sorte que temos, o que nos enriquece como pobo e a inmensa bagaxe cultural que se agocha debaixo da nosa lingua. É o tesouro que achegamos ao patrimonio común. Recibimos a lingua a través dos esforzos, da vida e dos soños de milleiros de galegas e de galegos que viviron aquí antes ca nós; nós somos un elo máis nunha cadea de transmisión aos nosos fillos e ás nosas fillas. Isto é crear ou sumar discurso.
Pero non deseñamos o Proxecto ‘Apego’ só para reflexionar e transmitir ideas, tamén para facilitar a vida das persoas que desexen transmitir o galego. As familias que queren educar os seus fillos ou fillas en galego atópanse con carencia de materiais e recursos en lingua galega para poder facelo -xoguetes, música, películas, xogos, novas tecnoloxías… O ‘Apego’ nace coa idea de facilitar o coñecemento e o acceso aos que existen e contribuír a que se xeren outros.
Ademais preténdese tecer e dar soporte ás redes entre estas familias que escollen a lingua galega para criar os seus fillos e fillas e, coa súa axuda, afianzar outras ás que lles resulte máis complexo. Deste xeito tamén se reforzarán a presenza do galego no contorno social dos nenos e nenas, imprescindible para manter e alimentar o seu uso lingüístico. É un traballo para poñer en práctica desde unidades técnicas de administracións, polo tanto a súa principal característica é que se trata de intervencións concretas, de accións. Algunhas delas cun soporte físico -creación e difusión de materiais de apoio-, outras cun carácter formativo -obradoiros-, outras relacional -web, encontros…
As accións que propón ‘Apego’ van dirixidas á familia, ás escolas infantís e ludotecas de 0 a 3, escolas de 3 a 6, actividades extraescolares e espazos de lecer. Podedes explicar, a grandes trazos, o por que desta clasificación?
Démoslle moitas voltas, pero axiña vimos claro que por unha parte están implicados distintos “axentes” e, por outra, son distintas etapas, moi marcadas, da evolución das nenas e dos nenos. Tamén nos pareceu importante atender aos diferentes ámbitos que afectan aos máis pequenos: o lecer e a socialización, a familia, a aprendizaxe…, en cada contexto mudan a linguaxe, as estratexias de aprendizaxe, os contidos… A intención é que se vaia abranguendo todo o que vive un neno ou nena desde que nace ata os 6 anos, que é cando inicia a súa etapa escolar. A familia, considerada de xeito moi amplo e aberto, con todas as persoas que interveñen na atención e coidado dos pequenos e pequenas, e todos os espazos que, pouco a pouco, se van incorporando á vida dun bebé e nos que a lingua se fai presente no proceso de socialización.
A decisión consciente ou inconsciente dos proxenitores sobre a lingua que utilizan non é a única que inflúe na lingua inicial dos nenos e nenas. Hai moitas máis persoas, recursos e espazos que interveñen nesa construción da identidade lingüística e cómpre consideralas todas para garantir a transmisión, aínda que moitas das accións que conformen o proxecto irán concretándose e completándose progresivamente a medida que medre, colla corpo e as redes funcionen.
A elaboración dunha caixa para entregarlles aos pais e nais coa finalidade de preparar a acollida das crianzas é unha das accións previstas. Que conterá esta caixa e como se distribuirá?
A caixa é o engado, está moi coidada porque serve de presentación para a campaña. Conterá diversos elementos clásicos neste tipo de agasallos, pero todos están moi escollidos, moi pensados e moi contextualizados nesta campaña. Están deseñados por e para o ‘Apego’: un medidor, un adhesivo para o coche, un álbum de primeiras lembranzas, unha mantiña-apego que se vincula con toda a mensaxe do proxecto e un libro cheo de información e consellos: desde listaxes de nomes para nenas e nenos, ata como restituír a forma galega dos apelidos familiares, consellos básicos de crianza, unha colección de cantigas e recitados tradicionais, que axudan a crear vínculos co bebé. Queremos que cada un destes elementos sirva tamén de acordante para as familias, para que lembren en todo momento que paga a pena facer o esforzo e falarlles aos nenos e ás nenas en galego.
A distribución realizarase directamente desde os servizos de normalización lingüística municipais porque a caixa será o agasallo por vir informarse sobre que é o Apego, escoitar a nosa proposta de “acción” e por deixarnos os datos da familia para enviármoslle información. A entrega de caixas axudaranos a crear bases de datos de familias interesadas en participar no proxecto.
Unha web facilitará non só información sobre Apego, senón datos sobre recursos, servizos e materiais para as familias, ademais de favorecer a comunicación entre elas para crear comunidade. De que maneira se tratará de crear esa rede? De que tipo de servizos e recursos falará a web?
A creación dun espazo na rede pretende ser un punto de encontro e de acceso permanente a información e recursos. Cremos que é fundamental aproveitar as vantaxes da rede para a comunicación; é un medio rápido, directo, inmediato e accesible… A idea de crear rede non se basea en chats, senón nun lugar onde compartir e atopar información. Imos ter un sitio común para todas as entidades promotoras da campaña e gustaríanos que fose unha vía de acceso a moitos outros lugares da rede onde se compila información de interese: xogos, contos, adiviñas, cancións, obradoiros, recursos didácticos… Aproveitaremos a forza da campaña e a relación directa que imos establecer coas familias para achegalas a este portelo a un mundo de recursos que existen pero que con frecuencia non é doado atopar porque están fóra dos grandes medios de difusión.
E os obradoiros formativos? En que consistirán?
Os obradoiros terán sempre o obxectivo de achegar e dar a coñecer recursos para medrar en galego, aprendendo a lingua como algo propio e enriquecedor, como unha canle de comunicación coa contorna e cerna dunha identidade moi ben definida desde a que descubrir o mundo enteiro.
Estamos traballando en dous bloques de obradoiros: uns dirixidos ao ámbito familiar e outros aos profesionais da educación e dos espazos de lecer e tempo libre. No primeiro caso abordarase unha rica tradición que nos arraiga malia térmola algo esquecida, e que é unha ferramenta moi útil para transmitir aos nenos e nenas o coñecemento do seu contorno máis inmediato. Por veces mercamos galanos moi elaborados, mesmo con dispositivos electrónicos, para que os pequenos aprendan os nomes das cousas, para quitar o medo de antes de durmir ou para entretelos un anaco…; pois temos ao noso dispor unha enorme riqueza de xogos, cancións, recitados, arrolos etc., cos que lograr todo isto nun tempo de calidade e achegamento entre nais/pais e nenos/nenas. A intención é, ademais, asociar esta (re)aprendizaxe con outros contidos sobre a crianza que resulten de interese para as nais e pais.
No caso dos profesionais, temos deseñadas accións que completen a súa formación, e sobre todo a súa información, acerca da importancia dos seus usos e actitudes lingüísticas na educación dos nenos e nenas e, asemade, lles faciliten o traballo fornecéndolles recursos acaídos ás diferentes etapas educativas. Os obradoiros dependerán das necesidades e da realidade de cada concello. Por exemplo, hai concellos nos que a xente aínda lembra e transmite cantos de arrolos tradicionais, de organizar un obradoiro de arrolos aí desde logo o enfoque non será igual que cando se faga nun concello grande, nunha das cidades.
O proxecto acaba de ser asinado por varios concellos e está aberto á incorporación de organizacións ou institucións interesadas e comprometidas con este obxectivo. Como se xestionará, na práctica?
A xestión será completamente municipal, por medio dos servizos de normalización lingüística; esta é unha posibilidade de acción, xa que os concellos son as administracións máis achegadas á cidadanía e teñen as canles de comunicación máis directas. Estamos moi orgullosos e orgullosas desta liña de traballo coordinada entre concellos, que xa deu outros froitos noutros programas cooperativos. Desde os servizos de normalización iremos procurando o contacto e a colaboración con outras entidades que compartan os obxectivos de cara a que a rede sexa cada vez máis tupida e sosteña socialmente a transmisión da lingua.
A que se está a comprometer, na práctica, cada concello asinante?
Cada Concello implicado faise cargo da parte económica que lle corresponde: pagará unha parte do deseño dos materiais e da imaxe da campaña, os materiais dos que vaia dispoñer e os obradoiros que vaia desenvolver. É certo que os orzamentos específicos para normalización en xeral baixaron (aínda que tamén hai concellos que os manteñen ou que incluso os incrementaron lixeiramente nos últimos anos). Os concellos que asinaron comprometeron unha boa parte dos seus recursos e algúns botan man doutras partidas que non son específicas para normalización lingüística. Isto é bo, porque demostra que existe certa conciencia de que a lingua é un elemento transversal; o seu impulso non depende só dunha área de goberno municipal; e, á vez, as accións que se deseñan desde normalización, sempre van tocar outras áreas: cultura, educación, benestar social, comunicación, turismo, promoción económica… E isto é así porque a lingua é de todos, aféctanos a todos e depende de todos.
A que outro tipo de institucións e organizacións está aberto Apego?
Se o que queremos é tecer unha rede é importantísimo que participe a maior parte de fíos posibles. O ‘Apego’ está aberto a todas as entidades, persoas e grupos que queiran sumarse porque, como calquera proxecto arredor da lingua, precisa da implicación activa da sociedade. Todas aquelas asociacións, colectivos e entidades que traballen, dun ou doutro xeito, coas familias e cos nenos e nenas aos que está dirixido o ‘Apego’ terán o seu oco, aínda que ao sermos concellos as entidades que organizamos, traballaremos máis no ámbito local, que é o que nos é propio.
A implicación poderá concretarse de moitas maneiras pero a máis inmediata e sinxela é que se poida fornecer información ás familias e aos profesionais interesados de canto proxecto ou actuación poida contribuír aos fins do Apego. E, de cara ao futuro, iremos vendo e construíndo colectivamente…, a vocación é de continuidade, e de ir medrando e modelando en función das necesidades e oportunidades. Tocante ás institucións, os concellos que queiran entrar terán que agardar á vindeira edición, xa que esta está en marcha e por cuestións de produción de materiais e de organización non é posible ampliar neste momento o número de concellos que participan.
Cal é a vosa análise, en xeral, sobre por que está a fallar a transmisión interxeracional do galego no caso dos nenos e nenas de máis curta idade? Como se levará Apego ás escolas infantís públicas? E privadas, (se está previsto)? E aos espazos de lecer e ludotecas?
Non só falla a transmisión; o problema volveuse moi complexo porque ademais de que hai menos familias que lles falan galego ás fillas e aos fillos, os poucos cativos e cativas que teñen a sorte de recibir o galego na casa despois non atopan reforzo suficiente nos espazos de socialización. Por regra xeral, demasiado xeral, as ludotecas, escolas infantís e espazos semellantes están completamente castelanizados. O galego está ausente nos parques -moitas veces ata na sinalización-, nas festas de aniversario, no cine ou nos xogos electrónicos e ten pouca visibilidade nos libros infantís, no teatro ou na música. E alí onde está compite cunha oferta potentísima noutras linguas, como pode ser na televisión. Cómpre, xa que logo, considerar todos estes contextos.
Con todo, os nenos que teñen a sorte de recibir o galego na casa teñen moito avanzado porque levan con eles a mellor base posible para mellorar a súa bagaxe. Faise imprescindible que esta escolla do galego se vexa arroupada socialmente e que as nais e os pais teñan razóns de peso para non a desbotar. Por iso para o Apego deseñamos diferentes liñas de acción. Nesta primeira fase comezamos polo principio; dirixímonos fundamentalmente ás familias que están a agardar por un novo membro, ben por nacemento, ben por adopción. Dirixímonos ás familias no momento no que se están a preparar, porque entre todas as decisións que deben tomar a lingua non é unha cuestión á parte.
Ademais, iremos abordando accións específicas centradas nas escolas infantís (públicas e privadas, a lingua non entende desas cuestións), nos espazos de lecer, ludotecas… Tamén cremos que é moi importante a implicación das empresas que crean contidos para esas idades. Hai moito, moito espazo para a iniciativa privada; moitas veces só é cuestión de rachar con inercias e cambiar un pouco a maneira de enfocar o negocio; ser valentes, arriscar e ollar doutro xeito o mercado.
En canto á relación coas familias, Apego vai dirixido a pais e nais con diferentes actitudes cara á lingua, máis ou menos favorables ao galego. Como se traballará este aspecto? Como se iniciará a relación coas familias, ademais de a través do contacto directo co SNL ou a través da web?
Apego vai estar aberto a todas as familias con nenos e nenas con idades comprendidas entre 0 e 6 anos. A relación con elas iniciarase desde o momento en que se aproximen aos servizos de normalización lingüística dos concellos participantes. Para chamar a súa atención deseñamos unha campaña informativa que estará nos espazos que frecuentan para a preparación do nacemento ou da acollida. Pretendemos traballar de xeito continuado seguindo o proceso desde o inicio, mais non descartamos ofrecer toda a información complementaria, os recursos formativos e demais apoios ás familias que non poidamos incorporar desde ese momento e para iso unha ferramenta fundamental vai ser a web.
Neste programa caben tanto as familias favorables á transmisión do galego como todas aquelas que o queren retomar como lingua vehicular e tampouco quedan excluídas as que queren iniciar un compromiso co galego. Pensamos, e así o demostran os estudos, que a inmensa maioría das familias galegas son favorables ao uso do noso idioma, así que en realidade dirixímonos á practica totalidade de familias que van medrar nos nosos concellos.
Como se avaliará a implementación de Apego? Que fases terá esta?
Haberá distintos niveis de avaliación. Cada Concello terá os seus índices de participación a través dos datos das familias que van sumarse á campaña: as que comezan, as que se manteñan… Agardamos obter datos numéricos pero, sobre todo datos de carácter cualitativo, a través do contacto coas familias interesadas.
Na presentación falabades doutros modelos semellantes (da cesta, por exemplo). Podedes falar un pouco doutros proxectos neste sentido que están funcionando e que vos puideron servir de axuda?
Aínda que ás veces non teñan repercusión mediática, hai moitos profesionais e moitas entidades traballando para mellorar o uso do galego nos sectores nos que se centra o Apego. Este proxecto non podería ir adiante sen o labor previo que desenvolveron e que seguen a facer moitos profesionais e asociacións que están a recuperar os nosos arrolos, os nosos xogos tradicionais… Hai traballos magnífico no eido da música, do mundo editorial e da produción, do deseño, do teatro, da creación de materiais educativos e lúdicos… Tamén hai moitos mestres e mestras que demostraron que é posible educar en galego e que isto só trae vantaxes para os nenos e para as nenas. Están funcionando iniciativas pedagóxicas diversas que procurar situar o galego no lugar que lle corresponde…
Sen todo este abondoso abano non sería posible planificar o Apego porque nós nos imos inventar moito, só imos intentar canalizar o xa existe para remover conciencias, sumar e implicar activamente as familias. Quizais lembre a outras campañas institucionais que se dotaron de recursos dos que tamén botamos man para a nosa (a caixiña ou o adhesivo do coche, por exemplo) pero co Apego non queremos limitarnos a fornecer de materiais ás familias; queremos que os materiais nos sirvan de enganche para comezar a traballar con elas para activar a escolla do galego e axudarlles a mantela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario