A CE defende que o xigante informático favoreceu os seus propios produtos nas procuras de internet e impulsou acordos "anticompetitivos" no campo dos sistemas operativos para móbiles.
A Comisión Europea (CE) acusou este mércores formalmente a Google de abusar da súa posición de dominio ao favorecer os seus propios produtos nas procuras en internet, e anunciou a apertura dunha investigación antimonopolio ao seu sistema operativo para móbiles, Android.A Comisión informou nun comunicado de que enviou un prego de cargos con esas acusacións formais á compañía, máis de cinco anos logo de abrirlle unha investigación.
A CE cre que o xigante informático "abusou da súa posición dominante nos mercados dos servizos xerais de procuras en internet no espazo económico europeo, favorecendo sistematicamente a comparación do seu propio produto de compra nas páxinas de resultados de procuras xerais".
"A visión preliminar da Comisión é que tal conduta infrinxe as normas antimonopolio da UE porque reprime a competencia e prexudica aos consumidores", sinalou o Executivo comunitario, que recordou que o envío deste prego "non prexulga o resultado da investigación".
A comisaria europea de Competencia, Margrethe Vestager, afirmou que Google "ten agora a oportunidade de convencer á Comisión" de que non incorreu nun comportamento anticompetencia, pero advertiu de que, "se a investigación confirma as nosas preocupacións, Google terá que facer fronte a consecuencias legais e cambiar o xeito en que fai negocios en Europa".
A Comisión iniciou en 2010 unha investigación para esclarecer se o modelo de negocio de Google podía supor un abuso de posición dominante que restrinxise a competencia no sector das procuras e a publicidade en liña.
O antecesor de Vestager, Joaquín Almunia, apostou durante o seu mandato por chegar a un acordo con Google que faga legalmente vinculantes os compromisos ofrecidos pola empresa para disipar as dúbidas de Bruxelas.
En cambio, rexeitou a última oferta feita polo xigante estadounidense ante a continuación das queixas dos seus competidores, e instou á empresa a remitir unha nova proposta.
A multinacional terá agora a oportunidade de defenderse e incluso participar nunha audiencia cos responsables de Competencia da CE, que en última instancia, se non ve satisfeitas as súas esixencias, podería impor a Google unha multa de ata o 10% da súa facturación.
A Comisión especificou que continúa a súa investigación formal a Google sobre os outros aspectos do seu comportamento sobre os que aínda alberga dúbidas: un posible trato de favor a outros servizos especializados de procuras nos resultados do buscador, a copia de contidos das webs de competidores, a exclusividade da publicidade e "restricións indebidas" a anunciantes.
ANDROID. En paralelo, a Comisión anunciou a apertura dunha investigación aparte sobre "a conduta de Google en relación co sistema operativo móbil Android".
A CE quere saber se Google impulsou acordos "anticompetitivos" ou "abusado dunha posible posición de dominio" no campo dos sistemas operativos para móbiles intelixentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario