luns, 13 de abril de 2015

A CTNL apoia as propostas de Apradoga en relación co sector da dobraxe en galego

Desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) consideran a dobraxe fundamental para o proceso de normalización lingüística, e o seu sector profesional imprescindible para o seu desenvolvemento, polo que, por un lado, denuncian "o irresponsable abandono que desde a Xunta de Galicia e desde a TVG se está a facer" e, por outro, apoian as propostas feitas desde a Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe en Galicia (Apradoga).
Porque entenden que é imprescindible a nosa lingua no audiovisual e imprescindible tamén o papel normalizador que a TVG debe cumprir, "que, ademais, é unha das finalidades da súa creación e existencia". Por iso consideran que cómpre o seu impulso e a procura de acordos con outras canles, distribuidoras e produtoras que permitan que as películas, series, debuxos animados, etc. dobrados ao galego cheguen a canto máis público mellor a través das distintas canles de televisión, das salas de cine ou do mercado audiovisual, cunha atención especial ás creacións audiovisuais dirixidas ao público infantil e xuvenil.
É así que desde a CTNL apoian as medidas e propostas que inclúe o Informe do sector da dobraxe en Galicia [.pdf], elaborado por Apradoga, no que se pide o cesamento do recorte en horas de dobraxe, a potenciación da dobraxe de programación infantil e xuvenil, a aposta pola calidade lingüística nas contratacións, a actualización das series e filmes dobrados hai tempo para adaptalos aos criterios lingüísticos actuais, ou o cumprimento do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), que establece que o goberno galego debe promover, cando menos, a dobraxe a galego de dez filmes ao ano dos que presenten maiores expectativas comerciais e a sinatura de convenios coas principais distribuidoras para que inclúan a versión en galego nos filmes en soporte de DVD.
Máis información no web da CTNL.

Ningún comentario:

Publicar un comentario